A Xunta felicita o colexio Manuel Sueiro de Ourense, que vén de alzarse cun premio estatal polo seu labor de dinamización da lectura nas aulas

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o centro, onde gaba a colaboración e o compromiso de alumnos e docentes

Ourense, 21 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia felicita ao Colexio Plurilingüe Manuel Sueiro, de Ourense, que vén de alzarse cun dos premios estatais polo seu labor de dinamización da lectura nas aulas. Así llo transmitiu hoxe ao equipo directivo a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nunha visita ao centro.

Este colexio ourensán acaba de ser galardoado cos Premios a plans de lectura no ámbito escolar correspondentes ao curso 2024-25, do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. En concreto, obtivo o terceiro premio na modalidade de centros situadas en concellos de máis de 5.000 habitantes.

Segundo destacou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, este premio vén avalado por un “intenso traballo de colaboración e compromiso” de docentes e alumnos do centro con iniciativas a prol da lectura.

Non en balde, desde hai máis de 15 anos, o centro participa no Plambe, Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así coma nos programas Radio na biblio, Biblioteca creativa e Bibliotecas solidarias, impulsados pola Xunta de Galicia para fomentar as competencias lectoras entre o alumnado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026