A Comunidade de Usuarios de Pazo-Eirín, en Caldas de Reis, mellorou as súas instalacións grazas a unha axuda da Xunta de 12.000 euros
Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material
O delegado territorial asegurou que a Xunta seguirá colaborando coas comunidades de usuarios galegas
Caldas de Reis (Pontevedra), 21 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta as instalacións da Comunidade de Usuarios de Pazo-Eirín, no concello de Caldas de Reis, que recibiu unha axuda de preto de 12.000 euros da Xunta para mellorar as súas infraestruturas.
Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a preto de 160 entidades na provincia de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de 1,7 millóns de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material.
No caso da comunidade de usuarios de Pazo-Eirín, o investimento da Xunta permitiu mellorar a rede de distribución, así como a contorna do depósito, de forma a facela máis accesible. Ademais, a comunidade adquiriu un novo equipo de cloración continua.
O delegado aproveitou a visita para agradecer “o gran labor que levan a cabo os veciños e veciñas que, de forma voluntaria e desinteresada, invisten o seu tempo de lecer para mellorar os servizos das súas parroquias” e lembrou que “a Xunta estará sempre disposta a colaborar con este tipo de asociacións para axudalas a levar a cabo o seu papel imprescindible”.