A Xunta acorda co sector estudar novas medidas dirixidas a mellorar a captación de mexilla para garantir a campaña dos bateeiros
Entre elas, adiantar a colocación de cordas colectoras en función do resultado do reconto larvario de cría ou realizar proxectos piloto que permitan aos produtores non depender da cantidade de recurso que haxa no litoral
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro do 2026
A Consellería do Mar, trala reunión da Comisión do Mexillón celebrada esta tarde e na que participou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, acordou estudar novas medidas dirixidas a mellorar a captación de mexilla e que axuden a garantir a campaña para todos os bateeiros.
Villaverde, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora de Intecmar, Covadonga Salgado, destacou a importancia do diálogo permanente e de chegar a consensos, coa intención de garantir a sostibilidade deste recurso tan importante en Galicia. O obxectivo é que o sector miticultor, que conta con preto de 3.600 bateas espalladas por todo o litoral galego, poida abastecerse coa cantidade suficiente para que a campaña sexa o máis positiva e produtiva posible.
A Comisión do Mexillón decidiu agardar ao remate do reconto larvario de mexilla que están realizando os técnicos para determinar se a colocación de cordas colectoras adicionais de mexilla nas bateas se adianta a comezos de febreiro.
Outra das medidas que se acordou co sector foi crear un grupo de traballo para ver de que maneira se pode establecer, a medio prazo, proxectos piloto que axuden a recoller mexilla e contribúan a que todos os bateeiros poidan contar cun instrumento que lles permita non depender do estado do recurso que se acumule no litoral para garantir a súa produción.
Situación da toxina
A Comisión do Mexillón tamén abordou a evolución do actual episodio de biotoxinas, co fin de consensuar medidas de xestión que permitan manter a produción nos polígonos pechados ata a súa reapertura. Desde Intecmar, Covadonga Salgado destacou o traballo que se está levando a cabo por este centro para controlar a calidade do medio mariño e a seguridade dos produtos do mar, e adiantou que esta semana poderían rexistrarse novas aperturas de polígonos de bateas, mentres que noutras augas o episodio poderá alongarse ata febreiro.
Ademais, a Consellería tamén decidiu autorizar 100 cordas de engorde adicionais no caso dos polígonos que permanecen pechados polo episodio tóxico, que os miticultores poderán empregar segundo as súas necesidades, coa condición de que ese mexillón debe chegar ao mercado nun período de tempo que non sexa superior a un mes desde a finalización do mesmo.