O delegado territorial visitou a florería ‘Brioenflor’ para lembrar que está aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas para proxectos de innovación, dixitalización e mellora da sostibilidade do comercio local e artesanal
Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta na mellora da competitividade do comercio da provincia
O delegado territorial da Xunta resaltou que conxunto da provincia 65 comercios obtiveron apoio na orde de 2025, con axudas que suman preto de 385.000 euros
O obxectivo desta orde, de case 4M€, é segundo Manuel Pardo, apoiar o sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, acondicionamento dos locais comerciais, na mellora dos equipamentos, así como no compromiso ambiental
As solicitudes poderán solicitarse de forma online a través da sede electrónica da Xunta
Ourense, 22 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, a florería Brioenflor, para lembrar que dende o pasado venres 16 de xaneiro, está aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas para apoiar proxectos de innovación, dixitalización e mellora da sostibilidade do comercio local e artesanal, que se poderán solicitar online a través da sede electrónica da Xunta.
Explicou o delegado territorial que este establecemento é que un dos negocios da cidade de Ourense que se acolleu a este tipo de medidas en anos anteriores, e aclarou que entre os beneficiarios hai ópticas, ortopedias, xoiarías, establecementos de alimentación, tendas de roupa e elementos deportivos, zapaterías e negocios de téxtil para o fogar, entre outros.
No conxunto da provincia, resaltou Manuel Pardo, obtiveron apoio na orde de 2025, 65 beneficiarios (58 comerciantes retallistas e 7 obradoiros artesáns) con axudas que suman preto de 385.000 euros, co afán de apoiar o sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, acondicionamento dos locais comerciais, na mellora dos equipamentos, así como no compromiso ambiental. Neste senso, engadiu que en Galicia, na derradeira convocatoria, beneficiáronse deste tipo de axudas un total de 728 negocios (664 comerciantes retallistas e 64 obradoiros artesáns) por un importe global de case 3,9 M€.
O orzamento total do programa ronda os 4 M€ e abarca tres liñas compatibles entre si. Unha está orientada á dixitalización e a innovación comercial; outra á modernización e mellora da imaxe; e a última a incrementar a sostibilidade ambiental mediante unha maior conciencia sobre as embalaxes.
Entre as novidades deste ano, destaca a posibilidade de que unha mesma empresa acceda ás achegas para varias tendas. Tamén se ampliará o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025. Así mesmo, axilizarase a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria. Ademais, a contía da axuda elévase do 80 % xeral ao 90 % para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.
Liñas de actuación
En canto ás accións subvencionables, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe -entre outras- a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, engadindo como novidade as memorias-proxectos de dixitalización.
Na liña de modernización, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparellos eléctricos de aromatización e fío musical.
Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamo 100 % e, como novidade, bovinas de papel 100 % reciclado.