Román Rodríguez anuncia que a Xunta desenvolverá un sistema para testar as tecnoloxías emerxentes antes de ser empregadas polos centros educativos
O conselleiro de Educación participa en Londres na feira de innovación educativa líder en Europa, onde se dan a coñecer as novidades mundiais neste eido
Sinala que esta acción incluída no Plan de benestar dixital ten como finalidade avanzar en contornas dixitais seguras nos colexios e institutos
Tamén se impulsará o benestar dos docentes con canles de asistencia na futura Oficina de Apoio ao Profesorado e do Centro de Innovación Educativa e Dixital
Londres, 22 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia desenvolverá un sistema autonómico para testar as tecnoloxías emerxentes antes de ser empregadas polos centros educativos coa finalidade específica de “avanzar en contornas dixitais seguras”. Así o sinalou con motivo da súa participación na feira Bett en Londres, o principal encontro de Europa en materia de innovación educativa que reúne a miles de profesionais do ensino de distintos países, entre docentes, centros escolares, responsables de políticas públicas e de firmas tecnolóxicas.
Román Rodríguez cualifica de “moi positiva e proveitosa” a presenza, por primeira vez, dunha delegación galega nesta cita de relevancia internacional na medida en que permite un “contacto directo” coas novidades mundiais en canto a ferramentas e recursos tecnolóxicos para mellorar a educación, precisamente nun contexto no que en Galicia “estamos sendo pioneiros” en accións como a nova Lei de educación dixital, a posta en marcha do Plan de benestar dixital recentemente aprobado e do proxecto EdugalIA para aplicar intelixencia artificial no sistema educativo para reducir o abandono escolar, entre outros obxectivos. Precisamente, a participación na feira serviu para coñecer experiencias e recursos sobre o uso da tecnoloxía para favorecer a inclusión e a creatividade, entre outros aspectos.
Ao abeiro do Plan de benestar dixital, o titular de Educación sinalou que un dos ámbitos de actuación é impulsar a implicación da industria dixital para unha acción coordinada entre todos os implicados ao servizo do benestar dixital da infancia e a mocidade, entre os que se inclúen, ademais das administracións, as universidades, os centros de investigación e as empresas TIC.
Neste reto enmárcase a introdución dun sistema autonómico de análise das tecnoloxías emerxentes que se poden utilizar nos colexios e institutos, que se sumará a outras accións como a participación do sector en proxectos de innovación aplicada ou a elaboración dun Código galego de boas prácticas tecnodidácticas.
Segundo explicou o conselleiro, esta nova medida de testeo de tecnoloxías emerxentes que se vai poñer en marcha está orientada a examinalas previamente “para poder diagnosticar os seus efectos e a súa repercusión dentro do sistema educativo”. Trátase, polo tanto, de analizar, ensaiar e probar estas tecnoloxías emerxentes para axudar no proceso educativo “antes de democratizalas e inxerilas no mesmo”, xa que a tecnoloxía “non é un fin en si mesmo, senón un medio para mellorar a aprendizaxe”, abondou.
Benestar emocional do profesorado
Así mesmo, Román Rodríguez avanzou que outra das áreas de actuación nas que se centrará o Plan de benestar dixital é o impulso do benestar emocional do profesorado. “É fundamental que, ademais dos coñecementos necesarios, os docentes se sintan cómodos e seguros” ante o marco actual onde teñen que convivir coas novas tecnoloxías no seu día a día na aula.
Así pois, ao abeiro do plan, crearase unha liña de asistencia aos docentes no marco da nova Oficina de Apoio ao Profesorado. Paralelamente, co fin de optimizar o seu desempeño dixital, tamén haberá unha canle de apoio no Centro de Innovación Educativa e Dixital.
Novidades mundiais
A feira Bett, onde o conselleiro asistiu acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polos responsables do Centro de Innovación Educativa Dixital, Jorge Regueiro, e do Centro Autonómico de Formación e Innovación, reúne en Londres a máis de 600 expositores, 400 poñentes de alto nivel e unha comunidade global de asistentes de máis de 130 países.
O encontro conecta cada ano ás empresas e startups máis innovadoras con responsables de administracións educativas, institucións universitarias e colexios de toda Europa e de Oriente Medio.