A Xunta reforza a súa colaboración co sector forestal a prol deste eido clave do rural galego

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, mantivo hoxe cadansúa reunión de traballo con representantes de Lugomadera e da Federación empresarial de serradeiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga)

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, mantivo hoxe cadansúa reunión de traballo con responsables de Lugomadera e da Federación empresarial de serradeiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga).

Estas xuntanzas forman parte da rolda de contactos que vén mantendo co sector forestal a directora xeral tras a súa toma de posesión, o pasado 30 de decembro, como nova responsable do departamento. Trátase de atender as súas demandas e preocupacións e de avanzar nas vías de colaboración público-privada para a mellora deste eido produtivo clave do rural galego. Así, entre outros asuntos, avaliáronse as diferentes políticas da Xunta a prol do sector e a normativa de aplicación, tanto no ámbito galego como nacional e europeo.

Neste sentido, a Xunta considera fundamental manter unha relación constante e fluída co sector forestal para continuar desenvolvendo un modelo de monte galego sustentable, tanto desde o punto de vista económico como ambiental e social, tendo en conta que este ámbito constitúe un factor esencial de desenvolvemento e dinamización do rural na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2026