O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu, na Coruña, na sesión inaugural do curso académico 2026 da Real Academia de Medicina de Galicia
A Xunta subliña o papel da Real Academia de Medicina de Galicia na promoción do estudo e dunha investigación traslacional de alto nivel
O titular de Sanidade destaca a incorporación ao ámbito asistencial das achegas dos profesionais premiados pola Real Academia
Sinala a aposta da Xunta e das tres universidades por aproveitar todas as potencialidades do sistema sanitario para a formación dos futuros facultativos, tras o acordo de descentralización da docencia de Medicina
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe o labor da Real Academia de Medicina de Galicia na promoción do estudo e dunha investigación de alto nivel que traslade as súas achegas á práctica clínica.
Así o sinalou na sesión inaugural do curso académico 2026 da Real Academia de Medicina de Galicia, celebrada esta tarde na súa sede na cidade da Coruña.
Gómez Caamaño felicitou os profesionais premiados no acto, como a doutora Marta Rial Crestelo, investigadora do grupo de medicina fetal e perinatal do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, recoñecida co Premio Fundación Barrié polo seu estudo sobre a utilidade da medición da ratio cerebro‑placentario mediante Doppler no último trimestre do embarazo.
Tamén foron galardoados o doutor Medina Vigo, recoñecido co premio Fundación Centro Oncolóxico de Galicia ‘José Quiroga e Piñeiro”, e con accésits Manuel Taboada, do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Sergio Cinza, investigador do IDIS, e Clara María Ruiz Ponte, investigadora do IDIS e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
O conselleiro de Sanidade destacou o nivel dos profesionais do sistema sanitario galego. Neste sentido, puxo de relevancia o acordo histórico entre a Xunta e as universidades galegas para descentralizar a docencia do grao de Medicina na segunda metade do ciclo formativo, de forma que se aproveitan todas as potencialidades do sistema docente e da organización sanitaria hospitalaria para a formación dos futuros facultativos.