A comisión sobre a PAC do Consello Agrario remata o documento de consenso para a súa aprobación polo pleno deste órgano colexiado
Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria participaron na primeira reunión da comisión, que ultimou o documento conxunto co posicionamento de Galicia
Trátase de reforzar a defensa dos agricultores e gandeiros galegos diante da futura PAC, que Galicia quere que blinde non só as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participaron esta mañá na primeira reunión da comisión de traballo de preparación do posicionamento fronte a nova PAC convocada no seo do Consello Agrario.
Na xuntanza fíxose, en primeiro lugar, unha valoración da nova PAC proposta no ámbito do Marco financeiro plurianual europeo 2028-2034. A continuación, avanzouse na preparación do documento de posicionamento do Consello Agrario Galego nesta materia. Esta postura terá que ser aprobada logo polo pleno do Consello Agrario e posteriormente se remitirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ás instancias comunitarias.
Trátase de reforzar a defensa dos agricultores e gandeiros galegos diante da futura PAC, que Galicia quere que sexa unha política forte, con fondos suficientes e diferenciados. Tamén, que blinde non só as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural. O que se busca é defender ante o Goberno Central e en Bruxelas un cambio na proposta comunitaria, para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais. Así, existe unha preocupación pola posible redución de fondos da PAC para Galicia de polo menos o 22 %, unha porcentaxe que se traduciría en arredor de 80 millóns de euros anuais.