A Xunta incrementa ata superar as 300 as prazas de estadías do profesorado no estranxeiro para formación en idiomas

A Mesa Sectorial analizou a convocatoria destas estadías para 308 docentes, cun investimento superior a 1 M €

Poderán integrarse nun centro escolar de Canadá, Francia ou Portugal ou realizar un curso de lingua estranxeira en Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña

O informe anual de Education First consolida a Galicia como a comunidade con maior nivel de inglés de España por segundo ano consecutivo

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse hoxe coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial do Ensino para analizar a convocatoria de estadías no estranxeiro para o profesorado de 2026. A Xunta de Galicia incrementa este ano as prazas para que estes poidan mellorar a competencia lingüística e comunicativa e actualicen a súa metodoloxía no ensino de linguas estranxeiras.

Serán en total 308 os docentes que poderán participar no programa, que conta cun investimento de máis de 1 M€ por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. O programa está dirixido a docentes de inglés, francés, alemán e portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas.

O programa divídese en dúas modalidades. A primeira delas céntrase na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal durante dúas semanas, no primeiro trimestre do curso 2026/27. O profesorado seleccionado estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área, materia ou módulo. Ao remate da experiencia, o docente deberá realizar unha memoria de difusión da mesmas.

A segunda modalidade consiste na realización dun curso de formación de dúas semanas de duración nun país estranxeiro (Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña), que se desenvolverá no mes de xullo de 2026. As solicitudes realizaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia unha vez se publique a convocatoria, cun prazo de 15 días para presentalas.

Líderes en inglés en España

O programa PIALE vén desenvolvéndose desde hai máis dunha década, período no cal se realizaron diversos cambios para melloralo, co obxectivo de favorecer a formación do profesorado en linguas estranxeiras, no marco dun sistema educativo cada vez máis internacionalizado. Na actualidade enmárcase no programa Galemundo, que aglutina as diferentes accións de mobilidade para a mellora das competencias en linguas estranxeiras impulsadas pola Xunta, e na Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe2030.

 Iniciativas coma esta contribúen tamén a mellorar o nivel do alumnado galego en linguas estranxeiras. Neste sentido, cómpre lembrar que o informe anual de Education First (EF) vén de consolidar a Galicia por segundo ano consecutivo como a comunidade con maior nivel de inglés de España. Cunha puntuación de 563 puntos, 23 máis que a media de España e 73 máis que a media global, Galicia sitúase na táboa de dominio alto da lingua inglesa no contexto mundial, mentres que o conxunto de España queda na de manexo moderado da mesma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2026