O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o xerente da área sanitaria, Javier Puente, presentou o plan funcional do novo centro sanitario da cidade de Vigo
Gómez Caamaño fixa na segunda semana de marzo o inicio da actividade do CIS Olimpia Valencia de Vigo, con máis servizos e un reforzo da atención pediátrica e á saúde mental
Ofreceranse novos servizos en atención primaria e crearanse 5 novas unidades, entre elas, a unidade de pacientes pediátricos con patoloxía crónica complexa, de trastorno de conduta alimentaria para pacientes pediátricos ou psicoloxía infantil
O traslado de profesionais, que comezará co persoal do centro de saúde López Mora, permitirá ampliar espazos para pacientes e persoal noutros centros da cidade
Reforzarase a atención á saúde mental no Nicolás Peña, ampliando a unidade de prevención do suicidio, creando unha unidade de atención a adolescentes e outra unidade de tratamento á depresión resistente, grazas a liberar espazo
Gómez Caamaño detalla que no novo centro prestarán asistencia 122 profesionais, 13 deles novas incorporacións entre os cales están psicólogos, infantil e de atención primaria, nutricionista, fisioterapeutas, odontólogos e hixienistas bucodentais
Nos próximos días organizaranse visitas para que persoal e representantes dos traballadores coñezan o CIS Olimpia Valencia, no que a Xunta investiu 17 millóns
Vigo, 27 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou hoxe a previsión da Xunta de que, na segunda semana de marzo, bote a andar o novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, que permitirá reforzar dúas áreas prioritarias para a sanidade pública, como son a atención pediátrica e a atención á saúde mental.
Así o sinalou na rolda de prensa de presentación do plan funcional do centro asistencial vigués, que tivo lugar este mediodía no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, na que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o xerente da área sanitaria, Javier Puente.
Gómez Caamaño resaltou as novas incorporacións de profesionais para ampliar a carteira de servizos da atención primaria de Vigo. En concreto, prestarán asistencia no centro 13 novos profesionais, contando con odontólogos, hixienistas bucodentais, fisioterapeutas, nutricionista e psicólogo infantil e psicólogo de atención primaria, entre outros.
En total serán 122 profesionais, repartidos en 65 consultas, 109 deles provenientes doutros centros de saúde. Os traslados comezarán polo persoal de López Mora nunha primeira fase, continuando polos do Nicolás Peña, a continuación, e por profesionais de pediatría de Pintor Colmeiro e Coia. Por último, trasladaranse cupos de adultos dos centros de saúde de Pintor Colmeiro, Coia, Cuba, Beiramar e Rosalía de Castro.
“O Olimpia Valencia replica ese novo modelo de centro sanitario que estamos impulsando desde a Xunta e que integra a atención primaria e distintos tipos de servizos especializados”, sinalou o conselleiro de Sanidade. De feito será o terceiro centro integral de saúde que se poña en marcha en Galicia, tras o CIS do barrio da Residencia, en Lugo, e o CIS de Lalín e comarca de Deza.
Ademais, o Olimpia Valencia albergará a base do 061, que se traslada desde o Nicolás Peña ao novo centro.
Novas unidades
O centro integral de saúde de Vigo suporá a creación de cinco unidades para que 42.000 veciños da cidade dispoñan de máis prestacións.
Porase en marcha unha unidade de atención a pacientes pediátricos con patoloxía crónica complexa, outra de psicoloxía infantil, tamén de psicoloxía de atención primaria, unidade de trastorno de conduta alimentaria para pacientes pediátricos e unha unidade de rehabilitación cardíaca.
Tal e como indicou Gómez Caamaño, “a liberación de espazos que conseguimos no Nicolás Peña posibilita que poidamos trasladar e ampliar a unidade de prevención do suicidio, crear unha unidade de atención a adolescentes e transición á idade adulta e crear unha unidade de tratamento e depresión resistente nas instalacións dese centro”.
Pola súa banda, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, presentou en detalle a reorganización que permite a apertura do CIS Olimpia Valencia, con 7.000 metros cadrados construídos, distribuídos en seis andares.
Esta planificación foi trasladada previamente á comisión de centro e nos próximos días a xerencia da área olívica organizará visitas ao novo centro asistencial para que representantes dos traballadores e profesionais implicados poidan coñecer as instalacións edificadas na antiga Audiencia Provincial.
O Goberno galego investiu 17 millóns de euros na construción do CIS Olimpia Valencia, en Vigo. Desde 2009, a Xunta leva destinados máis de 140 millóns para construír 52 novos centros de saúde. Na área sanitaria de Vigo, a Consellería de Sanidade traballa para poñer en marcha novas infraestruturas de atención primaria en Moaña e impulsando os novos centros de saúde de Mos ou Ponteareas.