A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe, en Lugo, nunha xornada informativa sobre esta planificación

A Xunta anima ás entidades locais a colaborar na elaboración do Plan xeral galego de saneamento para garantir un servizo máis eficiente e sostible

Ángeles Vázquez salienta que a prioridade será, ademais da construción de novas infraestruturas, garantir o seu correcto funcionamento, a súa eficiencia e a súa integración co medio ambiente e co territorio

Pon en valor a escoita activa con concellos, deputacións e empresas dedicadas á explotación destes servizos para trazar liñas de actuación necesarias para mellorar a eficacia e a transparencia dos sistemas de saneamento e depuración

Aínda que as competencias neste eido corresponden ás administracións locais, o Goberno galego leva anos prestándolles apoio técnico e financeiro para que a cidadanía dispoña de servizos de calidade

O Goberno galego está a preparar unha nova planificación estratéxica en materia de augas que ten como obxectivo a optimización da xestión dos recursos hídricos e das infraestruturas hidráulicas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe ás entidades que xestionan os sistemas de saneamento e depuración (concellos, deputacións, empresas dedicadas á explotación destes servizos, etc.) a colaborar na elaboración do Plan xeral galego de saneamento (PXGS) 2028-2033 para garantir un servizo máis eficiente e sostible e, ademais, ao coincidir cos ciclos de planificación hidrolóxica, permitirá reforzar a coordinación das medidas en materia de xestión de augas.

Durante a súa intervención nunha xornada informativa sobre o PXGS que tivo lugar esta mañá en Lugo, a conselleira puxo en valor esta “escoita activa” para trazar liñas de actuación necesarias para mellorar a eficacia e a transparencia deste servizo. Nese senso, cómpre subliñar que, aínda que as competencias neste eido corresponden ás administracións locais, o Goberno galego leva anos prestándolles apoio técnico e financeiro para que a cidadanía dispoña de servizos de calidade.

No caso do PXGS, a prioridade será, segundo explicou Ángeles Vázquez, ademais da construción de novas infraestruturas, garantir o seu correcto funcionamento, a súa eficiencia e a súa integración co medio ambiente e co territorio. “Todos os investimentos carecen de valor se despois non se realiza unha correcta xestión e mantemento das infraestruturas”, engadiu.

En concreto, na xornada celebrada hoxe, á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordáronse as medidas de gobernanza deste plan, que requiren da colaboración das entidades encargadas da xestión destes servizos e que permitirán o correcto funcionamento desta planificación a longo prazo.

Deste xeito, este plan contribuirá a mellorar as instalacións de depuración que resulten insuficientes, reducindo, por exemplo, as infiltracións nas redes municipais e mellorando a xestión das augas pluviais. Así mesmo, ademais de optimizar a eficiencia enerxética dos sistemas, o PXGS tamén permitirá fomentar a reutilización das augas residuais xa depuradas, cando sexa viable, e facilitará garantir o bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados.

Cómpre lembrar que, logo de acometer nun primeiro proceso un traballo de análise e diagnose da situación, na actualidade estase a traballar na fase II da preparación deste plan xeral. En concreto, esta etapa consiste na redacción do mesmo, programando accións e medidas concretas para acadar os obxectivos definidos no Plan nun prazo determinado co fin de mellorar os aspectos que foron identificados como máis relevantes e prioritarios na fase anterior.

Financiamento e planificación

Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta leva anos destinando importantes investimentos á mellora das infraestruturas e redes de saneamento e depuración. De feito, este ano 2026 destinará 3 de cada 5 euros do orzamento de Augas de Galicia a actuacións relacionadas con esta materia.

Este financiamento compleméntase cunha “rigorosa planificación” porque “necesitamos unha estratexia que permita optimizar o aproveitamento dos recursos hídricos galegos respondendo a retos actuais como, por exemplo, os efectos do cambio climático ou as novas necesidades sociais”, dixo a conselleira.

Nesa liña, a Xunta está a impulsar unha nova planificación estratéxica en materia de augas co obxectivo de optimizar a xestión dos recursos hídricos e das infraestruturas hidráulicas. En total, estanse a elaborar cinco plans que permitirán orientar as actuacións do Goberno galego no apoio aos concellos para garantir a mellor prestación de servizos á cidadanía. Son, ademais do PXGS, o Plan xeral de abastecemento, o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, o Plan de xestión de risco de inundación e o Plan especial de seca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026