Mar analiza coa confraría do Grove as liñas de apoio ao sector marítimo-pesqueiro no seu ámbito

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse cos representantes do pósito

O Grove (Pontevedra), 28 de xaneiro do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, acompañada da directora territorial da Consellería do Mar en Vigo, Elena Suárez, reuniuse este mércores coa confraría de pescadores do Grove, no marco da rolda de contactos que a Consellería do Mar, a través dos distintos departamentos, está a ter cos axentes do sector marítimo-pesqueiro. Neste senso, no encontro abordáronse os principais retos da actividade marisqueira na comarca, así como as liñas de colaboración da Xunta para potenciala.

Este diálogo serviu tamén para afondar na estratexia do Goberno galego de garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental do marisqueo, e na que a xestión responsable dos recursos mariños resulta determinante. Por iso, Ángeles V. Suárez abordou as medidas de apoio que mantén activas o seu departamento como as dúas ordes de axudas de rexeneración dos bancos, dotadas con 2,2 millóns de euros, e que foron publicadas no DOG a principios deste mes, ou proxectos como Calimar, incluído en Redemar, e no que este pósito é un activo colaborador; unha iniciativa que analiza se a contaminación química e/ou microbiana pode estar implicada na caída da produción de moluscos bivalvos no litoral.

Ao remate, a directora xeral reiterou o compromiso da Consellería que dirixe Marta Villaverde co sector, poñendo en valor o traballo das confrarías de pescadores, máis concretamente da de San Martín, e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social da comarca, ao tempo que trasladou a vontade do Goberno galego de seguir colaborando con este colectivo, co fin de atender as súas demandas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/01/2026