A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu hoxe no Parlamento de Galicia
Allegue subliña que as vivendas ofertadas en Vigo pola entidade estatal Casa 47 teñen alugueiros 1,4 puntos por riba da vivenda libre e case 7 máis que as promovidas pola Xunta
Detallou que o alugueiro destas vivendas é de 8,8€/m2, fronte aos 7,4 do importe medio en Vigo, ou a franxa entre 1,2 e 2€/m2 das vivendas públicas da Xunta
Sinalou que unha vivenda de Casa 47 con 2 dormitorios ten un alugueiro de 805€; e unha de 3 dormitorios ascende a 887€ de renda fronte aos 158 euros ou 186 euros que suporía a renda no caso de ceder estes inmobles á Xunta
Fixo fincapé en que o 84% destas vivendas exixen ingresos de polo menos 2.000 euros netos ao mes, deixando fóra á maioría da cidadanía viguesa, cuxos ingresos medios son de 1.786 euros mensuais, segundo a Axencia Tributaria
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
A conselleira Allegue subliña que as vivendas ofertadas en Vigo pola entidade estatal Casa 47 constan de prezos de alugueiro 1,4 puntos por riba da vivenda libre na cidade e case 7 puntos superior aos dos fogares impulsados pola Xunta.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde criticou a falta de accesibilidade das 67 vivendas ofertadas por este organismo na cidade olívica.
Detallou que o prezo que prevé Casa 47 para os alugueiros destas vivendas é de 8,8 euros por metro cadrado, fronte aos 7,4 euros, que é o importe medio en Vigo, tal como amosan os datos oficiais dos depósitos de fianzas no IGVS; e en comparación cunha vivenda pública da Xunta, que oscila entre 1,2 e 2 euros por metro cadrado. No caso de vivenda protexida, o prezo máximo oscila entre 5 e 5,9 euros.
Neste sentido, sinalou como exemplo que unha vivenda de Casa 47 que conte con 2 dormitorios, de 79 m2, ten un prezo de alugueiro de 805 euros; e as de 3 dormitorios, e uns 93 metros cadrados, supoñen 887 euros de renda.
Allegue reivindicou de novo a cesión destes activos á Xunta de Galicia, onde se cualificarían como vivenda pública con protección permanente e se alugaría aos inscritos no rexistro de demandantes por un máximo de dous euros por metro cadrado. Así, remarcou, que unha vez cedidas, o prezo desas vivendas tipo de 2 dormitorios apuntadas suporían 158 euros/mes fronte aos 805 que establece Casa 47. As de 3 dormitorios, contarían con rendas máximas de 186 euros.
Explicou que este proxecto do Goberno non cumpre coas necesidades reais da cidadanía, xa que cos citados prezos e tendo en conta que a renda non pode superar o 30% dos ingresos familiares, unha familia precisaría contar cuns ingresos mínimos netos de 2.683 euros para unha vivenda de 2 dormitorios; e de 2.956 euros ao mes para unha de tres habitacións.
Fixo fincapé en que o 84% das vivendas de Casa 47 exixen ingresos de polo menos 2.000 euros netos ao mes, deixando fóra á maioría da cidadanía viguesa, cuxos ingresos medios son de 1.786 euros mensuais, segundo a Axencia Tributaria.
A Xunta lamenta que o Executivo estatal non estea a dar resposta ao problema estrutural da vivenda, ante o que a Xunta traballa sempre con atención ao interese público, poñendo o acento na construción, no desenvolvemento de solo, na redución da burocracia e nas medidas que incentiven ao sector para que se constrúa.