O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, respondeu esta tarde a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia
Gómez Caamaño remarca que a asistencia sanitaria aos veciños de Trabada está garantida e subliña o esforzo da Xunta para procurar profesionais
Destaca que nestes momentos o centro de saúde de Trabada atende as solicitudes de cita sen demora
Explica que, ante o déficit xeneralizado de profesionais, o Sergas cobre as ausencias e vacacións con intersubstitucións e prolongacións doutros profesionais
Incide na necesidade de que o Ministerio de Sanidade poña en marcha medidas efectivas para dispoñer de profesionais que as comunidades poidan contratar
Reitera a demanda ao Ministerio de que negocie a reforma do Estatuto Marco cos médicos, para evitar novos días de folga que afectan de forma negativa ao tempo de acceso a consultas, probas e cirurxías dos pacientes
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou no Parlamento de Galicia que a asistencia sanitaria á veciñanza do Concello de Trabada está garantida e que a Xunta realiza un grande esforzo para dispoñer de máis profesionais para cubrir as vacantes de médicos en atención primaria.
Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, Gómez Caamaño salientou que no centro de saúde de Trabada, que atende de luns a venres, non hai demora para conseguir unha cita.
En días puntuais nos cales o facultativo fai uso do seu dereito de días de descanso e non hai dispoñibles nas listas de contratación, o Servizo Galego de Saúde logra cubrir a maioría de días con intersubstitucións e prolongacións, grazas ao esforzo e implicación dos profesionais da sanidade pública.
Indicou que o centro de saúde do municipio da Mariña conta con 978 pacientes asignados, por debaixo das 1.500 persoas por cupo médico que recomendan asociacións científicas e o propio Ministerio de Sanidade.
Reclamacións ao Goberno central
Na súa intervención, Gómez Caamaño lembrou as reclamacións que o Goberno galego lle ten trasladado ao Ministerio de Sanidade. Entre elas, aumentar a acreditación de prazas MIR para formar máis médicos, xa que Galicia xa oferta o 100 % das que ten autorizadas polo Ministerio, e permitir que os médicos de familia poidan prolongar a súa vida laboral voluntariamente ata os 72 anos e atrasar novas xubilacións.
Ademais, o conselleiro de Sanidade afeou que o Goberno central non negocie o Estatuto Marco cos profesionais que asumen o maior nivel de responsabilidade, os médicos, para evitar os novos días de paro, xa convocados, que impactan gravemente nos tempos de acceso dos pacientes a consultas, probas e cirurxías.
No que compete á Xunta, Gómez Caamaño sinalou que a Consellería de Sanidade xa adoptou unha serie de medidas para atraer e reter profesionais sanitarios e lembrou que o déficit de médicos de familia se irá agravando nos próximos anos, ata 244 en 2029.
Por unha banda, o Servizo Galego de Saúde incrementou o prezo das intersubstitucións para compensar o esforzo de quen asume coberturas de baixas ou ausencias, igualou as retribucións das prolongacións de xornada en primaria coas do ámbito hospitalario e reforzou as horas extraordinarias voluntarias.
O titular da carteira sanitaria sinalou que tamén se actualizou o prezo das gardas, incluíndo tamén aos médicos residentes MIR, implantouse un sistema de reparto de pacientes cando hai vacante do médico habitual con límites e compensación, e aprobouse un manual de cobertura de ausencias en centros de saúde para ordenar procedementos e responder ante incidencias.
Outra das melloras da Xunta, organizativas e retributivas, é o complemento de turnicidade para quendas de tarde e deslizantes, que os días 24 e 31 de decembro se consideren como de especial significación e unha redución progresiva de xornada.
Gómez Caamaño tamén sinalou como unha ferramenta fundamental a Lei que permite convocar prazas por concurso de méritos e aplicar incentivos reais para facer máis atractivos os destinos que historicamente custan máis cubrir, unha lei, lembrou, a que os grupos da oposición votaron en contra.