Medio Rural pon en marcha unha Escola de Pastores, en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia

Mañá presentarase en Xinzo de Limia este proxecto con formación específica sobre pastoreo, impulsado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Ovica co fin de favorecer a incorporación de máis activos a este sector

Esta formación constará dunha parte teórica de 250 horas centrada en aptitude empresarial agraria especializada en gandaría ovina e caprina,  e outras 320 prácticas en granxas de 19 concellos ourensáns, grazas á colaboración dos gandeiros

O fomento deste tipo de cría en extensivo favorece a creación dunha barreira natural fronte os incendios forestais, xa que contribúe a que o monte estea xestionado e en produción

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pon en marcha unha Escola de Pastores, en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). Mañá presentarase, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia, este proxecto formativo no que se inclúe formación específica sobre pastoreo e o cal conta coa colaboración da Fundación La Caixa.

Esta formación oficial, que constará dunha parte teórica, de 250 horas sobre aptitude empresarial agraria especializada, e outra práctica de 320, ofrecerase entre os meses de marzo e xullo e de setembro a outubro. Os alumnos poderán realizar prácticas, grazas á colaboración dos gandeiros de Ovica, en granxas dos concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Baltar, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Riós, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

O impulso desta oferta formativa, ademais de favorecer a incorporación de profesionais dedicados ao pastoreo, contribúe a potenciar este tipo de cría en extensivo que crea unha barreira natural fronte os incendios forestais e promove un monte xestionado e produtivo.

A Escola de Pastores responde a unha aposta por transmitir coñecemento técnico e experiencia real, profesionalizar o manexo do gando ovino e caprino, mellorar a rendibilidade das explotacións e a reforzar a produción de alimentos de calidade, ligados ao territorio.

Data de actualización: 28/01/2026