A onda epidémica de gripe baixa a intensidade basal con tendencia decrecente

De manterse este escenario durante dúas semanas, prevese a finalización da onda estacional de gripe

Respecto da semana anterior, ataxa de consultas por gripe descendeu un 47,7 %

No que atinxe aos ingresos por gripe, foron hospitalizadas 99 persoas con gripe confirmada, un 63 % menos que na semana anterior

As taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 5 % e un 41,4 %, respectivamente

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á cuarta semana do ano, que rematou o 25 deste mes, no cal se sinala que a actividade gripal en Galicia segue a baixar e pasa a intensidade basal, con tendencia decrecente.

O escenario observado nesta semana é semellante ao da semana anterior, cun importante descenso da taxa de consultas, co que xa se acada o nivel de intensidade basal ou preepidémico. Isto indica que, de manterse durante dúas semanas, finalizaría a onda estacional de gripe.

En concreto, respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 47,7 % e fica en 24,7 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa produciuse en todos os grupos de idade e en todas as áreas sanitarias.

No referente aos ingresos por gripe, na última semana foron hospitalizadas 99 persoas con gripe confirmada, un 63 % menos que na anterior, na que houbo 265 ingresos. A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 3,6 por 100.000 habitantes. O descenso da taxa observouse en todos os grupos de idade, sendo o grupo de 80 e máis anos o que presentou a maior taxa con 15,5 ingresos por 100.000 habitantes.

Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos diminuíu en todas elas.

No que vai de tempada de gripe notificáronse 4.011 ingresos, a maioría deles (4.000) con virus do tipo A.

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 5 % e un 41,4 %, respectivamente.

En canto á porcentaxe de positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, na semana pasada foi do 7,6 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior, no que era do 15,3 %.

Data de actualización: 29/01/2026