Román Rodríguez destaca a implicación de toda a comunidade educativa do CPI de Castroverde na atención á diversidade, a innovación e a igualdade

O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, coñece os proxectos deste centro, baseados no diálogo, a participación e a inclusión

Castroverde (Lugo), 29 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor os proxectos educativos que desenvolve o Colexio Público Integrado de Castroverde, un centro que destaca pola súa aposta pola innovación pedagóxica e pola atención á diversidade a través da implicación de toda a comunidade educativa.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o conselleiro salientou que o centro leva máis dunha década traballando cun modelo educativo baseado no diálogo, a participación activa das familias e do contorno e a promoción da igualdade de oportunidades para todo o alumnado.

Entre as iniciativas que coñeceu destacan as tertulias na ESO, os grupos interactivos en Educación Primaria coa participación de profesorado e voluntariado, así como os programas de apadriñamento lector e científico. Román Rodríguez sinalou que proxectos “coma estes son un exemplo do gran ensino no rural galego”, e remarcou que Galicia “é hoxe a comunidade autónoma co sistema educativo máis próximo á cidadanía, cun centro de Infantil e Primaria en máis do 90% dos concellos, fronte ao 55% da media estatal”.

No eido da atención á diversidade, o conselleiro destacou a aposta do CPI de Castroverde pola docencia compartida, cunha presenza continua de profesorado de apoio dentro das aulas, en liña co compromiso da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2026