A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na clausura do II Foro de Sostibilidade Alimentaria Green Value 4Food
A Xunta avanza na elaboración do Plan galego contra o desperdicio alimentario que incluirá mecanismos para reducir estes residuos nos fogares e na hostalería
Ángeles Vázquez subliña que esta iniciativa pioneira busca reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración
Farase, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) un estudio específico sobre esta materia para dispor dunha base de datos propia con información homoxénea e fiable para sustentar a diagnose do plan
Pon en valor a aposta do sector alimentario galego por procesos de produción tradicionais e, polo tanto, respectuosos co medio ambiente, e por ofrecer produtos de proximidade ás cadeas de distribución, o que permite reducir os desprazamentos
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que a Xunta está xa a traballar na elaboración do Plan galego conta o desperdicio alimentario, que incluirá mecanismos para reducir estes residuos tanto nos fogares como nas empresas de hostalería e de distribución.
Durante a súa intervención na clausura do II Foro de Sostibilidade Alimentaria Green Value 4Food, a conselleira fixo fincapé en que a sostibilidade é un factor imprescindible en calquera proceso económico, tal e como esixen as lexislacións europea, estatal e galega. Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso do sector alimentario galego neste eido apostando por procesos de produción tradicionais e, polo tanto, respectuosos co medio ambiente, e ofrecendo produtos de proximidade ás cadeas de distribución, o que permite reducir os desprazamentos.
Con todo, tal e como incidiu a conselleira nesta xornada organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a sostibilidade é unha cuestión que afecta a toda a cadea: do transporte á xestión dos residuos, pasando por aqueles produtos que non se venden. Nesa liña, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a preparar unha iniciativa pioneira que busca reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración. En concreto, xa está en licitación a redacción da primeira fase do que será o Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario.
O obxectivo do Plan é ofrecer mecanismos para reducir os residuos alimentarios e para iso abordará a prevención nos procesos produtivos e a racionalización do envasado e impulsará acordos voluntarios de doazón, autodiagnose de perdas e loxística inversa -procedemento para a detección dos excedentes alimentarios antes de que se produzan facendo unha análise cara atrás desde o punto de consumo ata a produción-. A maiores, tamén proporá medidas específicas para a industria, a distribución e a canle Horeca.
Segundo explicou a conselleira, para a posta en marcha destas medidas, cómpre contar con datos “fiables e contrastados” e por iso farase, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) un estudio específico sobre esta materia. Deste xeito, disporase dunha base de datos propia con información homoxénea e fiable para sustentar a diagnose do plan e o posterior desenvolvemento de iniciativas concretas ao seu abeiro.
A maiores do deseño deste futuro plan, a Xunta está a desenvolver outras medidas de cara a reducir o desperdicio alimentario. Nese senso, a conselleira puxo como exemplos as campañas de sensibilización promovidas en Nadal -e que tamén se realizarán no vindeiro Entroido- para promover un consumo sostible e responsable e o novo programa de educación ambiental co fin de formar, sensibilizar e implicar de forma activa á comunidade escolar na transición cara a unha economía circular e na mellora da xestión dos residuos.
Para concluír, a conselleira apelou ao compromiso do Clúster Alimentario de Galicia co medio ambiente, que xa amosou coa súa adhesión á Alianza galega polo clima, para colaborar nesta cuestión porque “a sostibilidade esixe cooperación, visión compartida e compromiso a longo prazo”.