Medio Rural e o concello de Lobios intensifican o seu traballo conxunto en materia de prevención de lumes
A conselleira María José Gómez mantivo esta tarde en San Caetano un encontro coa alcaldesa da localidade, María del Carmen Yáñez
Na xuntanza avaliouse a colaboración entre ambas partes ao abeiro do convenio de xestión da biomasa e o investimento de máis de 480.000 € desde 2020 por parte da Consellería no municipio para tratamentos preventivos, infraestruturas e brigadas
Santiago de Compostela, 29 xaneiro de 2026
A Xunta e o Concello de Lobios avanzan no seu traballo conxunto en favor do medio rural deste municipio, en particular no que se refire á prevención, defensa e extinción de incendios forestais. Sobre estes asuntos tratou a xuntanza de traballo mantida esta tarde en San Caetano entre a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, na que tamén paticipou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco.
No encontro púxose en valor o labor realizado ao abeiro do convenio para o establecemento e consolidación dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. O concello conta, ademais, co seu plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, aprobado no 2020, e ten catro parroquias priorizadas dentro deste convenio.
Así mesmo, a reunión serviu tamén para avaliar os investimentos realizados pola Consellería en diferentes conceptos relacionados coa loita contra o lume no termo municipal. Así, desde o ano 2020 Medio Rural achegou máis de 480.000 euros para tratamentos preventivos; infraestruturas, como pistas, devasas, puntos de vixilancia ou puntos de auga; e para financiar, vía convenio, a constitución e actuación de brigadas municipais.