A Xunta actualiza o plan de calidade dos servizos públicos para facer ao cidadán protagonista e partícipe das súas xestións coa Administración galega
O documento recolle as accións a levar a cabo en materia de calidade e simplificación dos servizos públicos para os vindeiros dous anos
Reducir as cargas burocráticas á cidadanía, potenciar os procedementos sen solicitude previa ou deseñar o futuro modelo do emprego público son algúns dos obxectivos do novo Plan
O plan reflicte o compromiso do Goberno galego coa calidade na Administración pública e a rendición de contas
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026
A Xunta acaba de actualizar o Plan de Calidade dos Servizos do sector público autonómico de Galicia poñendo o énfase en facer ao cidadán protagonista e partícipe das súas xestións coa Administración galega.
A publicación do novo plan, con vixencia para 2026-2027, parte das accións executadas no plan anterior, para darlle un impulso á mellora da calidade dos servizos públicos. O documento establece as medidas a executar durante os dous vindeiros anos para acadar os obxectivos propostos.
Obxectivos e eixos
O plan articula os obxectivos en torno a eixos e accións para estruturar un xeito operativo de levalo a cabo. Así, o primeiro eixo é o do funcionamento dos servizos públicos, co que se busca consolidar a planificación estratéxica da actividade do sector público. Poténciase a rendición de contas e continuaranse a publicar os informes balance de actividade de cada Consellería que se elaboran cada ano.
No eixo de xestión da calidade e instrumentos de mellora da calidade, vanse fomentar o uso de enquisas de satisfacción entre as persoas destinatarias dos servizos públicos.
O terceiro eixo refírese á racionalización e simplificación de procedementos administrativos, para o cal se simplificarán polo menos 90 procedementos administrativos e suprimiranse arredor de 90 cargas burocráticas para a cidadanía. No ano 2025 simplificáronse mais de 34 procedementos, o que implica reducir mais de 60 cargas administrativas para a cidadanía, o que beneficia a unhas 170.000 persoas.
Tamén se van seguir ofrecendo procedementos sen solicitude previa á cidadanía, co obxectivo de incluír dez máis. No ano 2025 xa se incluíron novos supostos na tarxeta benvida (adopción e acollemento) ou a habilitación do Carné Xove en formato electrónico dispoñible na aplicación móbil corporativa XuntaEu, o que chegou a 160.553 potenciais beneficiarios.
No que se refire á contratación administrativa, destaca a elaboración e aprobación da Estratexia Galega de Contratación Pública que simplificará o procedemento para as empresas, tamén implicará a introdución de máis criterios medioambientais, sociais e un fomento da contratación a pemes.
En relación á xestión do persoal, destaca a aprobación da Estratexia de Recursos Humanos da Xunta, tras a que se abordarán cuestións fundamentais como a axilización dos procesos selectivos, o traballo por obxectivos ou os concursos de traslados anuais, así como a previsión da cobertura das necesidades dos postos de traballo no futuro. Pola súa relevancia e volume de persoal, prevese a elaboración dunha Estratexia específica de Recursos Humanos para o Sergas.
A transparencia segue a ser un tema primordial e destaca a revisión e actualización dos portais de transparencia das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.
No eixo da Información e atención á cidadanía darase un impulso aos plans de mellora dos servizos públicos co compromiso de acadar 6 plans no ano 2027, que implican non só a eliminación de cargas, senón tamén a implantación doutro tipo de melloras para a cidadanía, como a redución de prazos de resolución. O novo plan potencia así mesmo a participación cidadá, co incremento dos procesos participativos dirixidos a cidadanía, que pasarán dos dous actuais ata os seis previstos.
Procederase á actualización do Código ético no primeiro trimestre deste ano 2026, dentro do eixo referido á integridade institucional, así como á elaboración do Plan de medidas antifraude da Xunta de Galicia, e a culminación dos plans específicos por consellerías.
Simplificar a linguaxe sobre os procedementos administrativos na sede electrónica é outra iniciativa que trata de que o resume que se publica na sede electrónica sobre cada procedemento se redacte de xeito mais sinxelo e nunha linguaxe mais clara para que a cidadanía poida entender tanto os requisitos solicitados como a documentación a achegar. O obxectivo é aplicar estas melloras polo menos no 80% dos procedementos, aproveitando o uso da intelixencia artificial e de asistentes virtuais.