O presidente da Xunta mantén un encontro co director desta proba ciclista, Ezequiel Mosquera

Rueda pon en valor O Gran Camiño como escaparate internacional de Galicia e do deporte de alto nivel

A principal novidade da edición de 2026 é que cambia de data e celebrarase entre o 14 e o 18 de abril, buscando reducir así o risco climático e facer a proba máis atractiva para equipos e ciclistas

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co director da proba ciclista O Gran Camiño, Ezequiel Mosquera, con quen destacou o papel fundamental que xoga este evento á hora de poñer en valor o deporte de alto nivel e ser un gran escaparate internacional da inmensa riqueza paisaxística, histórica e cultural de Galicia.

Durante a xuntanza, ambos salientaron a principal novidade para 2026 como é o cambio de data da competición, xa que por primeira vez celebrarase na primavera, entre o 14 e o 18 de abril, a diferencia das catro edicións anteriores onde a carreira tivo lugar no mes de febreiro, buscando reducir así o risco climático e facer a proba máis atractiva para equipos e ciclistas.

Rueda enxalzou os equipos e corredores de nivel cos que contou a proba desde o seu nacemento no 2022, con lendas como Alejandro Valverde, gañador da primeira edición, ou o danés Jonas Vingegaard, dobre vencedor do Tour de Francia, que conquistou as edicións de 2023 e 2024.

O obxectivo é consolidar O Gran Camiño -que conta coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes- como referente do ciclismo profesional mundial e promover que siga actuando como un escaparate da comunidade para atraer máis visitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026