O titular de Sanidade, xunto ao delegado da Xunta en Lugo, participou esta mañá na presentación da nova Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia (2026-2030)
Gómez Caamaño subliña o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia como referencia para toda España que referenda a candidatura de Lugo como sede da axencia estatal
A nova Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública ten por obxectivo mellorar a calidade e o alcance do rastrexo das mostras, optimizar os tempos de resposta e fortalecer a colaboración entre os laboratorios de microbioloxía
A Consellería de Sanidade creará unha rede estable cos laboratorios de microbioloxía galegos para realizar a secuenciación xenómica de diferentes virus e bacterias
O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia procesa unha media de 15.500 mostras anuais e realiza máis de 240.000 ensaios
A Xunta desenvolverá novas liñas de traballo no ámbito da Saúde Pública, destacando a Rede de Ómicas, que analizará a incidencia da Lexionela en Galicia, e a Biomonitorización humana que avaliará a exposición da poboación a contaminantes
Lugo, 30 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na presentación da Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia (2026-2030), destacando a posición do centro como referente nacional. Sinalou que o prestixio do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia refrenda a candidatura de Lugo como futura sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.
Xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o máximo responsable da Sanidade galega explicou algúns dos obxectivos que persegue a nova estratexia. Así, precisou que o Executivo galego busca con ela mellorar a calidade e o alcance do rastrexo das mostras, optimizar os tempos de resposta das análises, así como fortalecer a colaboración entre os laboratorios de microbioloxía dos hospitais galegos.
Sobre este particular, tamén apuntou que se pretende crear unha rede estable cos laboratorios de microbioloxía galegos para realizar a secuenciación xenómica de diferentes virus e bacterias, como poden ser o caso da Lexionella ou da Salmonella.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño gabou o labor que realiza o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, destacando a súa importancia no que atinxe á seguridade alimentaria, ao control da calidade das augas de consumo e baño ou a investigación de abrochos por intoxicacións ou infeccións.
“O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é un dos buques insignia da Sanidade galega" subliñou o titular da carteira sanitaria da Xunta, quen destacou que foi o primeiro laboratorio do seu tipo en España acreditado pola ENAC (Entidad Nacional de Acreditación).
Na actualidade, o centro conta cun equipo de 52 profesionais altamente cualificados que procesan unha media de 15.500 mostras anuais e realizan máis de 240.000 ensaios, dous cales ou 70 % están acreditados.
Investimento en tecnolóxica e novas liñas de traballo
No transcurso dos últimos anos, o Goberno galego investiu preto de 5 millóns de euros para dotar o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia con equipamento de alta tecnoloxía e así multiplicar a súa capacidade analítica.
Esta equipamento permite, entre outras iniciativas, comezar con novas liñas de investigación, como é o caso da Rede de Ómicas que permitirá coñecer a incidencia da Lexionela na comunicade e o seu xenotipado ou a Biomonitorización humana co que se avaliará a exposición da poboación a elementos contaminantes en diferentes zonas específicas.
Gómez Caamaño pechou a súa intervención poñendo en valor a apertura do laboratorio á sociedade a través de programas de prácticas para estudantes e outras actividades divulgativas coas que consolidada o seu papel como unha ferramenta fundamental para a prevención sanitaria e a seguridade ambiental e alimentaria na nosa comunidade.