Marta Villaverde analiza coa fundación Expomar as liñas de colaboración para 2026

O encontro abordou o apoio da Xunta ás principais iniciativas de promoción, divulgación e dinamización do sector marítimo-pesqueiro que a entidade desenvolve ao longo do ano

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo unha reunión con representantes da Fundación Expomar para analizar as vías de colaboración entre a Xunta e esta entidade ao longo do ano 2026, nun encontro centrado no impulso de iniciativas de promoción, formación e posta en valor do sector marítimo-pesqueiro. Na xuntanza avaliáronse as principais actividades previstas pola fundación para este exercicio, así como o papel que estas teñen na difusión do coñecemento, na transferencia de innovación e no reforzo da competitividade do sector do mar.

A responsable autonómica destacou a traxectoria de Expomar como foro de referencia para o encontro entre profesionais, empresas, administracións e axentes sociais vinculados ao ámbito marítimo, subliñando a importancia de iniciativas consolidadas como as Xornadas Técnicas, o Encontro Empresarial, a feira Produart ou o Día do Orgullo Mariñeiro. Estas accións contribúen, sinalou, a fortalecer a economía azul, promover o consumo de produtos do mar e visibilizar o peso estratéxico do sector no desenvolvemento económico e social de Galicia.

No encontro tamén se abordou a incorporación de novas propostas para 2026 orientadas á divulgación cultural e á posta en valor do patrimonio mariñeiro, así como a continuidade da colaboración institucional que a Consellería do Mar mantén coa Fundación Expomar desde hai máis dunha década.

A entidade, con sede en Burela, desenvolve desde 1998 unha intensa actividade centrada na promoción e dinamización do sector náutico-pesqueiro galego, organizando ao longo do ano eventos de carácter técnico, divulgativo, empresarial e cultural que a consolidan como un dos principais espazos de encontro e reflexión arredor do mar en Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 30/01/2026