Belén do Campo asiste ao acto do Día da Universidade da UDC

A Coruña, 30 de xaneiro de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe ao acto institucional do Día da Universidade 2026 da Universidade da Coruña (UDC), en representación do Goberno galego.

Durante o acto tivo lugar a entrega de diplomas correspondentes aos Premios de Excelencia UDC á mellor nota de admisión nos graos do curso 2025/2026, así como aos Premios Extraordinarios de Grao e de Máster do curso 2024/2025, e aos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2023/2024, cos que a universidade recoñece o esforzo, a dedicación e a excelencia académica do seu alumnado.

Así mesmo, realizouse a entrega de distintivos ao persoal xubilado no ano 2025 e ao persoal que promocionou durante ese mesmo ano, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa contribución ao desenvolvemento e fortalecemento da institución universitaria.

A delegada da Xunta puxo en valor o papel fundamental da Universidade da Coruña como motor de coñecemento, innovación e progreso social, e salientou o talento do alumnado e o compromiso do persoal docente e administrativo. Neste senso, reiterou o apoio do Goberno galego ao sistema universitario público como eixo clave para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026