Villaverde aborda con Anfaco-Cytma novas accións que poñan en valor a calidade e seguridade das conservas e o impulso dun consumo informado e responsable

Galicia, con máis do 75 % da produción nacional, lidera a transformación e a conservación de produtos do mar en España, industria que xera ao redor de 12.000 empregos na comunidade

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, recibiu á xunta directiva da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Peixes e Mariscos–Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (Anfaco-Cytma) en aras de emprender accións conxuntas que contribúan a poñer en valor a calidade, seguridade e prestixio das conservas de peixe.

A este respecto, e co fin de garantir a confianza nos produtos do mar e de apoiar a cadea mar-industria, tamén afondaron na importancia de promover un consumo informado e responsable, baseado en datos científicos e nos beneficios nutricionais que conleva o consumo de peixe e das conservas, tendo en conta, ademais, que a trazabilidade e o autocontrol implantados pola industria galega cumpre estritamente coa normativa europea en materia de seguridade alimentaria.

O encontro, destacou Villaverde, “serviu para seguir fortalecendo o noso tecido empresarial, un dos piares económicos da comunidade, xa que sostén a moitas familias e contribúe ao impulso da economía local a través da actividade en fábricas e na cadea loxística e servizo”. E é que Galicia, con máis do 75 % da produción nacional e unha forte exportación a numerosos países, lidera a transformación e a conservación de produtos do mar en España. Esta actividade xera ao redor de 12.000 postos de traballo na comunidade, o que representa un 4,5 % do emprego industrial.

Convenio 2026

Con esta xuntanza, Mar e Anfaco-Cytma deron continuidade á aposta conxunta pola competitividade, promoción e proxección exterior do sector, recollida tamén no convenio asinado por ambas as dúas entidades este mesmo mes. Dotado con preto de 400.000 euros, este acordo permitirá o desenvolvemento no 2026 doutras actuacións orientadas a fomentar o seu consumo e reforzar a presenza das conservas galegas nos mercados, mellorar a súa visibilidade e poñer en valor a calidade, seguridade alimentaria e capacidade innovadora do sector.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 30/01/2026