A Xunta avanza na formalización do acordo para a prestación do servizo de taxi no aeroporto de Alvedro

A directora xeral de Mobilidade reuniuse hoxe con representantes dos concellos da Coruña e Culleredo para avanzar na implantación dun réxime específico entre ambos municipios neste aeroporto a través dun convenio

Preténdese así dar resposta á demanda actual do servizo de taxi no aeroporto e ofrecer unha atención óptima ás persoas usuarias desta infraestrutura

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe con representantes dos concellos da Coruña e Culleredo para avanzar na formalización dun acordo que permita a implantación dun réxime específico entre ambos municipios.

O acordo no que se traballa permitiría que poidan prestar servizo no aeroporto de Alvedro, emprazado no Concello de Culleredo, tanto os titulares das licenzas domiciliadas neste concello como no da Coruña. Así, preténdese concertar nese convenio as pautas a seguir para autorizar un réxime específico de prestación do servizo de taxi no aeroporto da Coruña por parte de taxistas de ambos municipios en base a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Cómpre aclarar que a normativa establece un réxime xeral de prestación no que os servizos de taxi deben darse por taxistas domiciliados no concello no que teñan o seu inicio. Actualmente, ao estar o aeroporto situado no termo municipal de Culleredo, só os taxistas deste concello poden posicionarse na parada de taxi para coller usuarios con destino a calquera concello. Pola súa banda, os da Coruña só poden acceder para deixar viaxeiros ou para recollelos se contan cun contrato previo e o destino é A Coruña. Deste xeito, a norma habilita un réxime específico en certas localizacións, como sería neste caso o aeroporto de Alvedro.

A Xunta abordou cos concellos avanzar neste acordo para poñer en marcha o novo réxime específico co que reforzar a seguridade xurídica e que suporía, de maneira organizada, dar cobertura á demanda actual do servizo de taxi no aeroporto e ofrecer unha atención óptima ás persoas usuarias de Alvedro. Do mesmo xeito, contribuiríase a que, ademais de cubrir a demanda do servizo nesta infraestrutura se garanta o servizo no resto de ambos termos municipais.

En concreto, o servizo prestarase por unha quenda formada por 10 taxis de Culleredo e cinco da Coruña. Operarán tras eles as restantes licenzas de taxis de Culleredo. Ademais, crearase unha bolsa de reforzo formada por 30 licenzas de taxi do concello da Coruña, que estarán na condición de colaborar no momento no que non houbese taxis dispoñibles na parada da terminal aeroportuaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026