A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asistiu á entrega de premios os premios Asociacións e Mulleres con luz

Ángeles Vázquez salienta o papel das asociacións de mulleres na defensa de intereses colectivos

Ángeles Vázquez pon en valor valor o tecido asociativo no rural como punto de encontro no que abordar casos similares, compartir experiencias de éxito e de fracaso, e poder atopar solucións

Melide (A Coruña), 2 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel das asociacións de mulleres na defensa de intereses colectivos durante a súa participación na entrega de premios a Asociacións e Mulleres con Luz, celebrado en Melide.

Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, enxalzou o traballo que levan a cabo entidades como a Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide Alecrín, promotora destes galardóns e do encontro de entidades no marco do que tivo lugar, para contribuír ao empoderamento e conseguir que “a voz das mulleres do rural se escoite máis forte”.

“Nunha asociación coñecemos casos similares ao noso, compartimos experiencias de éxito e de fracaso, e podemos atopar solucións”, subliñou Ángeles Vázquez, que engadiu que “o asociacionismo fainos máis fortes cos mesmos recursos”.

Ademais, no rural, estas asociacións serven como espazo de encontro con capacidade de organización e convocatoria para desenvolver accións e iniciativas que promovan o benestar social e o desenvolvemento económico que contribúan a fixar poboación e a mellorar a calidade de vida nesas áreas.

Nesa liña, Ángeles Vázquez indicou que o seu departamento está a traballar para garantir que ese desenvolvemento sexa respectuoso co medio ambiente garantindo a protección da biodiversidade, impulsando unha xestión sostible do territorio, promovendo a economía circular e apostando polos produtos de proximidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2026