A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou hoxe coa rexedora municipal o convenio que permitirá levar a cabo esta intervención
A Xunta e o Concello de Boimorto executarán obras de mellora na rede de abastecemento para garantir un servizo eficiente e continuo na parroquia de Sendelle
Ángeles Vázquez salienta a importancia da actuación para a veciñanza xa que resolverá as incidencias detectadas neste tramo da rede, reforzando a fiabilidade, reducindo as perdas por fugas e asegurando unhas condicións axeitadas de presión
Cun prazo de execución de 3 meses e un investimento de 40.568 € achegados integramente pola Consellería, os traballos inclúen a renovación de 715 metros de condución, a colocación dunha válvula de comporta e a execución de 9 acometidas
Con este tipo de convenios Augas de Galicia brinda o seu apoio e colaboración aos concellos na execución de infraestruturas hidráulicas que contribúen á calidade de vida da veciñanza, á protección ambiental e á garantía de servizos públicos esenciais
Boimorto (A Coruña), 3 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia e o Concello de Boimorto colaborarán na execución dunhas obras de mellora na rede de abastecemento municipal co obxectivo de ofrecer un servizo máis eficiente e con garantías de continuidade á parroquia de Sendelle.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, María Jesús Novo, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo esta actuación, cun investimento de 40.568,83 euros, financiado integramente por Augas de Galicia, e de cuxa execución se encargará o Goberno local.
A intervención inclúe distintas actuacións que permitirán renovar e modernizar o ramal que abastece aos lugares de O Piñeiro, O Marco de Arriba, O Vilar, Sande e O Marco de Abaixo, onde hai 51 vivendas e unha poboación de arredor de 70 persoas.
Tal e como salientou Ángeles Vázquez, as obras permitirán resolver as incidencias causadas polo deterioro deste tramo da condución, destacando a importancia da súa execución para a veciñanza da zona xa que verá reforzada a calidade do servizo recibido. Neste sentido, explicou que obxectivo é reforzar a fiabilidade da rede, reducir as perdas de auga por fugas e as interrupcións ocasionais, asegurar unhas condicións axeitadas de presión e a continuidade do subministro, así como reducir as necesidades de mantemento.
Cun prazo de execución previsto de 3 meses, desde o punto de vista técnico os traballos inclúen a renovación de 715 metros de condución, a colocación dunha válvula de comporta e a execución de 9 acometidas novas. Para completar esta actuación, será necesario tamén executar un cruce na estrada provincial CP-062 así como repoñer os pavimentos e superficies que resulten afectados polas obras.
Así mesmo, a responsable autonómica destacou que con este tipo de convenios a Xunta continúa apostando por brindar o seu apoio e colaboración aos concellos na execución de infraestruturas hidráulicas, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a protexer o medio ambiente e a garantir servizos públicos esenciais como son o abastecemento e a depuración, aínda que se trate de competencias municipais.
Por último, lembrou que esta actuación se enmarca tamén na estratexia que desenvolve a súa Consellería, a través de Augas de Galicia, para reforzar os servizos básicos hidráulicos no rural mediante o deseño e execución directa de actuacións adaptadas á realidade dos concellos de menor tamaño e á dispersión que caracteriza o territorio galego, que concentra a metade dos núcleos de poboación de toda España.
En concreto, son algo máis dunha trintena de intervencións en materia de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global de preto de 28 millóns de euros e que beneficiarán a unha poboación de referencia de arredor de 65.000 persoas residentes en núcleos rurais de diferentes puntos de Galicia.