A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Abegondo destinan 1,53 M€ a completar o sistema de saneamento nas parroquias de Crendes e Orto

Esta actuación consiste na execución de 14 tramos de colectores soterrados cunha lonxitude aproximada de 2.417 metros, así como dun pozo de bombeo e dunha nova impulsión de 372 metros ata a infraestrutura existente

Ángeles Vázquez fai fincapé en que estas accións exemplifican a colaboración entre a Xunta e o Concello para sumar recursos e capacidade para impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza

Abegondo (A Coruña), 2 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Abegondo completarán a segunda fase do sistema de saneamento das parroquias de Crendes e Orto cun investimento de 1,53 millóns de euros, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Antonio Santiso.

Esta actuación concreta, que financia nun 80% a Xunta e nun 20% o Concello, consiste na execución de 14 tramos de colectores soterrados cunha lonxitude aproximada de 2.417 metros, así como dun pozo de bombeo -conectado coa rede eléctrica- e dunha nova impulsión de aproximadamente 372 metros ata a infraestrutura existente. A conselleira sinalou que a previsión é que este sistema poida dar servizo ata a 430 habitantes no horizonte 2046.

Cómpre indicar que esta actuación, que é cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é a segunda fase do proxecto para dotar de servizo de saneamento a estas dúas parroquias. En concreto, vaise actuar na zona sur despois de que no ano 2021 xa se executasen os traballos na zona norte cun orzamento de preto de 800.000 euros.

Ángeles Vázquez fixo fincapé en que estas actuacións exemplifican a colaboración entre a Xunta e o Concello para sumar recursos e capacidade para impulsar infraestruturas hidráulicas necesarias para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza e, ao mesmo tempo, construír un territorio máis resiliente.

De feito, a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

Así mesmo, esta actuación forma parte da carteira de 11 proxectos que está a impulsar a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, cun investimento global de máis de 7,5 millóns de euros para reforzar os servizos básicos da auga no rural e mellorar as infraestruturas hidráulicas municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026