O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou esta mañá en Xinzo de Limia a praza de abastos, o obradoiro Arte Arrebol e Xoiaría Gilmo
A Xunta e a Deputación de Ourense afondarán na súa colaboración para potenciar os mercados de abastos da provincia como dinamizadores da economía local
O conselleiro e o presidente provincialdefiniron as obras de mellora da praza de Xinzo, nas que cooperan o Goberno galego, a Deputación de Ourense e o Concello, como un modeloa replicar no resto de prazas ourensás
En paralelo, José González lembrou que esta semana se lanzou unha nova orde de axudas dotada con 2,3 M€ para modernizar estes espazos, e das que é beneficiario o mercado limiá, que conta cunha achega inicial da Xunta de 320.000 euros
Na visita á Xoiaría Gilmo, puxo en valor o impacto dos apoios á innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, aos que este ano se destinan case 4M e que no 2025 obtivo este negocio
En Arte Arrebol eloxiou o labor de difusión do Entroido deste obradoiro, especializado na elaboración das máscaras das pantallas e rexistrado en Artesanía de Galicia
Destacou a aposta galega pola difusión dos oficios artesáns e o apoio aos obradoiros como Arte Arrebol con programas como como Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que reforzará este ano e que se complementará con bolsas para aprendices (1 M€)
Xinzo de Limia (Ourense), 31 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, trasladaron esta mañá que a Xunta e a Deputación reforzarán a súa colaboración para avanzar na modernización dos mercados de abastos da provincia ourensá e potenciar a súa capacidade de dinamizar a economía local. Así o sinalaron durante a visita realizada hoxe á praza de abastos de Xinzo de Limia para comprobar as obras de mellora que se están a acometer neste espazo co apoio dos gobernos autonómico, provincial e municipal, e que puxeron como exemplo de modelo dunha colaboración interinsitucional que ambas administracións buscarán replicar e estender ao resto de mercados da provincia.
Na visita, na que estiveron acompañados polo alcalde de Xinzo, Amador Díaz, González puxo en valor a cooperación entre administracións para impulsar proxectos como a mellora da praza de abastos de Xinzo. Un proxecto que conta cunha achega inicial da Xunta de 320.000 euros ao abeiro do convocatoria do ano pasado das axudas para estes espazos, e que se complementa cos apoios da Deputación e Concello co obxectivo de crear espazos máis amplos e aumentar usos, actualizar a estética e melloras relacionadas coa eficiencia enerxética.
González remarcou que esta liña de traballo compartida entre Xunta e Deputación para impulsar os mercados de abastos, que se desenvolverá nos vindeiros meses, tamén queda reflectida no ofrecemento ao Concello de Ourense para cofinanciar a recuperación da Praza de Abastos nº 1.
O apoio aos mercados, subliñou, é estratéxico para a Xunta e reforzarase cunha nova convocatoria de axudas lanzada esta mesma semana (2,3 M€) e da que o vindeiro luns abre o prazo de solicitudes. Con ela apóianse desde melloras para as prazas que xa posúen o selo Mercado Excelente ata diagnose, formación e obras para acadar esta certificación, ademais de accións de dinamización e fidelización. Tamén inclúe novidades axustadas á realidade do sector e axilizará a concesión das achegas. A maiores, recordou que a Xunta actualizou e simplificou os trámites para a obtención e renovación do selo co obxectivo de acadar 25 prazas certificadas no 2030.
Axudas á innovación e sustentabilidade comercial e artesanal
O conselleiro tamén visitou hoxe en Xinzo Xoiaría Gilmo, na que puxo en valor a boa acollida que está a ter a nova convocatoria das axudas autonómicas para impulsar a innovación e a sustentabilidade do comercio local e artesanal. Este negocio emblemático da vila foi un dos 65 da provincia de Ourense beneficiarios destas axudas en 2025 -cun investimento global de 385.000 euros-, e que para este ano contan cun orzamentos de preto de 4 M€. González puxo de relevo a traxectoria de 45 anos deste comercio que pertence á asociación Prolimia, da que destacou o seu labor a prol do comercio local con accións como a Feira do Comercio que realizan co apoio da Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos, das que se lanzará unha nova convocatoria este ano.
Recoñecemento ao traballo de Arrebol e aposta polos oficios
Ademais, José González achegouse ao obradoiro Arte Arrebol, inscrito en Artesanía de Galicia e que co seu traballo difunde o oficio tradicional de elaboración das máscaras da pantalla de Xinzo, unha das figuras máis recoñecibles do Entroido. Alí —onde tamén estivo a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro— recoñeceu o labor dos seus responsables para visibilizar a minuciosidade e a importancia deste traballo.
Nesta liña, destacou o apoio da Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, aos obradoiros de oficios tradicionais como Arte Arrebol con iniciativas como Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que reforzará este ano e que se complementará con outras novas actuacións como as bolsas para aprendices (1M€). Tamén se destinará preto de 1 M€ á dinamización da actividade artesanal ou se impulsará en Ribadavia a Casa da Artesanía en Vilas Vivas, dentro do Plan Estratéxico do Comercio 2025–2030.