A Xunta abre o prazo para que os galegos do exterior soliciten volver a Galicia a cursar un ciclo de FP

Ata o 30 de abril poden solicitarse as 120 novas prazas para cursar ata seis ciclos distintos de grao medio e superior na modalidade de FP Dual Intensiva

Por primeira vez, Retorna Talento FP oferta unha titulación de alta especialización, exclusiva de Galicia, de Automoción en Vehículos de competición

As axudas para o alumnado deste programa, de ata 15.000 €, melloran un 25%

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de convocatoria do programa Retorna Talento FP, a través do que 120 galegos do exterior poderán volver a Galicia para cursar un ciclo de FP. Esta nova edición inclúe novidades en canto as titulacións, un total de seis, todas elas na modalidade de FP Dual Intensiva, así como melloras nas bolsas que se conceden, que chegan aos 15.000€.

O prazo de presentación de solicitudes, a través da aplicación Ciclosadmisión, está aberto ata vindeiro o 30 de abril. Nel poden participar diversos perfís: persoas residentes no estranxeiro nacidas en Galicia, non nacidas en Galicia (se residiron na Comunidade de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar) e descendentes por consanguinidade de emigrante nacido en Galicia.

Para optar a cursar un dos ciclos do programa Retorna Talento FP participarán nun procedemento de selección dos perfís que mellor se adapten á iniciativa, tanto a nivel formativo como por parte das empresas, que incluirá unha entrevista por videoconferencia coas persoas solicitantes, que poderán realizar a distancia.

Formación práctica e especialización

A edición deste ano inclúe prazas en seis ciclos formativos, na modalidade de FP Dual Intensiva, que combina a formación teórica coa práctica ao longo de todo o período. Ademais, inclúese, por primeira vez, unha titulación de alta especialización, unha formación exclusiva de Galicia que está a ter unha gran acollida entre o alumnado e as empresas. Trátase do Ciclo superior de Automoción, con especialización en Vehículos de competición, que se impartirá no Centro Integrado de FP As Mercedes, en Lugo.

Os ciclos ofertados, con 20 prazas cada un, son os que se inclúen na seguinte táboa:

Concello

Centro educativo

Ciclo de Formación Profesional

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Ciclo medio de Soldadura e caldeiraría

Ribeira

CIFP Coroso

Ciclo medio de Electromecánica de vehículos automóbiles

Lugo

CIFP As Mercedes

Ciclo superior de Automoción, con especialización en Vehículos de competición

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos

Poio

CIFP de Cantería de Galicia

Ciclo medio de Construción

Ponteareas

CIFP A Granxa

Ciclo superior de Vitivinicultura

Todos eles teñen unha duración de dous cursos académicos, en concreto o 2026/27 e o 2028/29. En ambos anos, os estudantes comezarán o ciclo de xeito presencial no centro educativo (antes podía facelo desde o seu país de orixe) para despois continuar no centro de traballo ou empresa asignada. O obxectivo é facilitar a inserción e adaptación do alumno ao noso país e a optimizar a súa formación e cualificación profesional.

As bolsas melloran tamén nesta convocatoria e elévanse ata os 15.000€, un 25% máis ca o ano pasado. Co importe das bolsas poderán afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación, tales como son viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

Tamén cómpre salientar o adianto no primeiro pagamento que se fará no trimestre de inicio do curso 26-27, a diferencia das anteriores convocatorias, cando o alumnado o recibía durante o segundo trimestre do curso, dado que o primeiro o facía no seu país.

Estratexia Galicia Retorna

Desde o inicio do programa Retorna Talento FP formáronse en Galicia 152 retornados ao abeiro destas convocatorias. Este programa compleméntase coas Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), para universitarios, que permiten completar a súa formación académica cursando mestrados nalgunha das tres universidades públicas galegas.

Búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro.

Data de actualización: 31/01/2026