María José Gómez salienta o apoio ao sector apícola con axudas para mellorar a súa competitividade
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe Puramel Sacra, no Saviñao, un dos produtores apícolas galegos premiados recentemente nos Paris Honey Awards
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas achegas, dotadas cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros, a través das cales se financiarán as actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo deste ano
Destacou que é un sector no que cada vez máis persoas se animan a emprender neste eido produtivo, sobre todo os mozos
O Saviñao (Lugo), 30 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; salientou hoxe o apoio do Goberno galego ao sector apícola con axudas para mellorar a súa competitividade. Fíxoo na súa visita a Puramel Sacra, situada no concello do Saviñao.
Gómez explicou que hoxe mesmo se publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas á apicultura dotadas cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros. Financiaranse as actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos inclusive, período dunha campaña apícola, e o prazo de solicitude estará aberto desde mañá ata o 2 de marzo.
Neste sentido, detallou que con estas axudas apoiarase aos apicultores en cuestións como servizos de carácter técnico; investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúe a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose; actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción; a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.
A conselleira indicou que desde 2013 lévase investido máis de 10 millóns de euros nestas axudas ao sector apícola, triplicando o número de beneficiarios. Neste contexto, destacou que é un sector no que cada vez máis persoas se animan a emprender neste eido produtivo, sobre todo os mozos e reafirmou o compromiso do Goberno galego a prol desta actividade e da súa promoción, especialmente daqueles que produzan baixo selos de calidade diferenciada.
Mel amparado por selos de calidade diferenciada
Puramel Sacra foi un dos produtores apícolas galegos premiados recentemente nos Paris Honey Awards, un recoñecemento que amosa, segundo resaltou a conselleira, o bo facer dos apicultores con producións de excelente calidade. Neste senso, o mel desta empresa lucense está amparado polos selos da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e por Artesanía Alimentaria.