A Xunta e o concello de Ribeira abordan as melloras nas instalacións portuarias, na formación e na posta en valor do patrimonio mariñeiro
A reunión serviu para analizar actuacións nos portos de Ribeira e Aguiño, impulsar novas accións formativas para o sector e afondar na colaboración institucional para apoiar a actividade pesqueira e marisqueira do municipio
Santiago de Compostela, 2 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, para analizar o estado das actuacións en marcha nos portos do municipio e abordar novas liñas de colaboración en materia de infraestruturas, formación e apoio ao sector do mar.
No encontro, no que tamén participaron o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, revisáronse as melloras e actuacións de mantemento previstas nos portos de Ribeira e Aguiño, co obxectivo de garantir a seguridade das infraestruturas e a continuidade da actividade pesqueira e marisqueira.
A xuntanza serviu tamén para avanzar en cuestións vinculadas á formación profesional do sector, entre elas, a organización de cursos para redeiras, unha demanda xa trasladada polo Concello e que será coordinada coa confraría para a súa posta en marcha. Neste ámbito, a Consellería do Mar puxo en valor o papel da formación como ferramenta clave para a profesionalización e a remuda xeracional no sector pesqueiro.
Por último, abordouse a colaboración institucional para a conservación e difusión do patrimonio marítimo local, como elemento de identidade cultural e dinamización social e turística de Ribeira.
Villaverde destacou o investimento continuado que se ven realizando nos últimos anos no municipio, que supera os 67 millóns de euros, tanto en infraestruturas portuarias como en apoio á frota, á industria transformadora, á acuicultura e á protección dos recursos mariños. Tamén reiterou o compromiso da Xunta de seguir traballando de maneira coordinada co Concello para impulsar actuacións que melloren as infraestruturas portuarias, apoien ao sector do mar e contribúan ao desenvolvemento económico e social do municipio.