Case 5.900 persoas participaron esta fin de semana nas xornadas extraordinarias do ensaio clínico Sincigal
O sábado 3.338 achegáronse a algún dos 14 hospitais públicos para participar no estudo e onte, domingo, 2.535
Ao longo do mes de febreiro manterase a posibilidade de participar durante a semana acudindo aos hospitais ou a algún dos máis dun cento de centros de saúde adscritos ao ensaio clínico
Ata o de agora xa colaboraron no estudo máis de 44.800 persoas
Os interesados en participar no Sincigal teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
Un total de 5.873 persoas colaboraron esta fin de semana no ensaio clínico Sincigal, que avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial. Concretamente, na xornada do sábado foron 3.338 as persoas que se achegaron a algún dos 14 hospitais públicos para participar no estudo, e 2.535 onte, domingo.
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, volveu habilitar esta pasada fin de semana de forma extraordinaria os 14 hospitais públicos para facilitar a participación nesta iniciativa, na cal xa colaboraron 44.829 persoas.
O Goberno galego vén de anunciar a ampliación deste ensaio clínico a todo o mes de febreiro.
Das 2.535 persoas participantes na xornada de onte, domingo, nos 14 hospitais públicos galegos, un total de 570 achegáronse ao hospital da Coruña; 31 ao de Cee; 249 ao de Ferrol; 67 ao da Mariña; 168 ao de Lugo; 42 ao de Monforte de Lemos; 27 ao do Barco de Valdeorras; 184 ao de Ourense; 19 ao de Verín; 345 ao de Vigo; 196 ao de Pontevedra; 89 ao do Salnés; 108 ao de Barbanza; e 440 ao de Santiago de Compostela.
En canto á xornada do sábado, na que participaron un total de 3.338 persoas, 634 fixérono no hospital da Coruña; 72 no de Cee; 396 no de Ferrol; 96 no da Mariña; 266 no de Lugo; 46 no de Monforte de Lemos; 38 no do Barco de Valdeorras; 190 no de Ourense; 23 no de Verín; 507 no de Vigo; 307 no de Pontevedra; 99 no do Salnés; 147 no de Barbanza; e 517 no de Santiago de Compostela.
Aumento da accesibilidade
Ao longo de todo o mes de febreiro, calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no ensaio tamén pode participar acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, de luns a venres. Os horarios poden ser consultados na web do ensaio clínico Sincigal.
Tamén seguirán activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón.
Para aumentar a accesibilidade das persoas que desexen participar no ensaio clínico Sincigal, equipos de enfermería do proxecto comezaron a desprazarse a residencias sociosanitarias para informar e ofrecer a colaboración no estudo sobre esta vacina, xa autorizada para a súa administración.
Os interesados en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.
A Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.