Galicia achégase aos 9 millóns de turistas en 2025 consolidando un incremento do 7% da rendibilidade do sector

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), rexistráronse 7,3 millóns de viaxeiros aloxados en establecementos galegos aos que se suman os que fixeron noites en vivendas de uso turístico

O turismo nacional alcanza máximos históricos rexistrando 6,4 millóns de noites e o turismo o internacional achégase aos 4 millóns  

Os hoteis e pensións ingresaron 451,2M€, un 5,2% máis que en 2024

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026

Galicia supera por segundo ano consecutivo os 8 millóns de turistas aloxados en establecementos da comunidade. Segundo os datos feito públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística referentes a establecementos extra hoteleiros, o número de visitantes en 2025 pechouse cun rexistro global de 8,8 millóns de persoas, isto é un 7,3% máis que no ano 2024, cano do se rexistraron 8,2 millóns de turistas.

Deste total, 7,3 millóns de visitantes aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Galicia, rexistrando un incremento do 2,4%. O número de noites superou os 13,5 millóns, un 2% máis que en 2024. Os hoteis e pensións ingresaron o pasado ano máis de 451,2 millóns de euros, un 5,2% máis que en 2024. A rendibilidade do sector incrementouse en 2025 o 7% con respecto ao ano anterior.

Ao número de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros e extrahoteleiro súmanse os que fixeron noite en vivendas de uso turístico e elevan o cómputo global aos 8,8 millóns de visitantes.

Por tipo de establecementos, os viaxeiros aloxados en hoteis e pensións medraron en 2025 un 1,8%, mentres que os que o fixeron en cámpings, turismo rural, e albergues, entre outros fixérono nun 4%.

Neste período, o 71% da demanda coresponde ao turismo de ámbito nacional, que engloba o dos residentes en Galicia c 24% e o procedente doutras comunidades que se sitúa no 47%. O turismo internacional absorbe en 2025 o 29% da demanda turística.

En cifras globais, o mercado nacional  computa 6,4 millóns de noites, cifra que alcanza o seu máximo histórica na serie de rexistros mentres que o internacional achégase aos 4 millóns de noites e o interno -dos residentes en Galicia-  sitúase nos 3,2 millóns de noites. Deste xeito, o número de noites do turismo nacional increméntase o 3% dos residentes en Galicia, o 1,5% dos procedentes doutras autonomías e o 1,9% do mercado internacional con respecto aos valores de 2024.

O INE tamén fixo públicos os datos de ocupación do pasado mes de decembro. En concreto, 319.023 viaxeiros aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros da comunidade, isto é un 4,2% máis que en decembro de 2024. O número de noites foi de 578.191, que se traduce nunha suba do 5%.

Data de actualización: 02/02/2026