A deportista Teresa Portela comparte co alumnado do IES A Xunqueira I os valores do esforzo e o compañeirismo que se fomenta desde o deporte

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa asiste á charla que a piragüista olímpica está a impartir en centros da provincia de Pontevedra co apoio da Xunta

Pontevedra, 2 de febreiro de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiu esta mañá á charla da deportista Teresa Portela no marco dunha iniciativa para fomentar os valores do deporte entre o alumnado de Secundaria que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Desta vez, a piragüista olímpica compartiu experiencias cos rapaces do instituto Xunqueira I de Pontevedra, onde salientou a importancia da práctica do deporte no fomento de hábitos saudables entre os máis novos, así coma no asentamento de valores como a disciplina, o esforzo, a resiliencia, o traballo en equipo e o compañeirismo.

En definitiva, Teresa Portela fixo fincapé en que a actividade física na vida cotiá ten un efecto positivo no desenvolvemento persoal desde idades moi temperás tanto no eido persoal coma no eido académico dos nenos e mozos. De aí que a Xunta de Galicia, a través a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, estea a apoiar este ciclo de charlas de motivación e sensibilización que se están desenvolvendo en colexios e institutos da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026