A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co rexedor pontevedrés
A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade avalían as necesidades municipais en saneamento e abastecemento
Ángeles Vázquez lembra que Augas de Galicia convocará este ano varias liñas de axudas para apoiar ás entidades locais na xestión dos servizos relacionados coa xestión da auga
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade analizaron as principais necesidades en materia de saneamento e abastecemento do municipio para reforzar as actuais dotacións, particularmente, aquelas que dan servizo ás parroquias e núcleos rurais.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Jorge Cubela, mantiveron recentemente unha reunión na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal no marco das súas competencias.
Neste sentido, a responsable autonómica trasladoulle ao alcalde que a comezos deste ano Augas de Galicia ten previsto convocar varias liñas de subvencións dirixidas maioritariamente ás entidades locais pero tamén nalgún caso a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e entidades sen ánimo de lucro para apoialas na promoción de obras ou actuacións relacionadas coa xestión destes servizos.
En concreto, serán oito as ordes de axudas programadas para 2026 cun orzamento global asignado de 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% con respecto ao paquete de subvencións do ano pasado.
De feito e ante o interese amosado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade por estas convocatorias, Ángeles Vázquez animouno a aproveitar algunhas destas liñas para executar pequenas obras de mellora e optimización do funcionamento tanto do sistema de depuración de augas residuais como da traída municipal.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.