Oito proxectos innovadores resultan seleccionados para seren probados no Living Lab de Saúde de Vigo, situado no Hospital Meixoeiro

O comité de dirección de Labsaúde vén de resolver a convocatoria de participación no Living Lab de Vigo

Os proxectos foron seleccionados en virtude do seu grao de innovación, viabilidade, aliñamento coas estratexias da Consellería de Sanidade e I+D+i, beneficio para as persoas usuarias ou o sistema

As empresas poderán empregar o Living Lab para testar os seus produtos ou solucións innovadoras en materia de saúde, conforme ao pactado coa Consellería

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

O comité de dirección da rede de Living Lab de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) vén de seleccionar os oito proxectos innovadores que serán probados en contornas reais a través do Living Lab de Vigo, situado no Hospital Meixoeiro, dos 16 que participaron na convocatoria.

O comité seleccionou os proxectos máis salientables polo seu grao de innovación, viabilidade e aliñamento coas estratexias da Consellería de Sanidade. 

Os oito proxectos pertencen a empresas do sector da saúde, biomedicina e innovación sanitaria e teñen obxectivos variados. 

Concretamente, o proxecto LIVEWELL, da empresa Dimensiona Consultoría Tecnolóxica, S.L, presenta unha plataforma de analítica clínica conectada que integra un dispositivo portátil que interpreta resultados e suxire accións segundo guías clínicas.

O proxecto SIDF, de Entrena y salud Soc. Coop. Galega, achega unha plataforma dixital de avaliación integral para a detección precoz de fraxilidade en maiores.

Outro dos proxectos seleccionados é VACOGRIP, de Gripwise Tech, LDA (Portugal), qie desenvolve un dinamómetro médico con sensores avanzados que conectados a unha plataforma dixital permiten a avaliación rápida da forza, a fraxilidade, a mobilidade e a estimación do risco de caídas.

O proxecto MIND3D, do Grupo Tecnolóxico Arbinova, S.L., introduce un método de planificación neurocirúrxica personalizada para pacientes con meninxiomas asociados á deterioración cognitiva ou demencia temperá.

O proxecto OPTIMAG-DEM, de Qubiotech Health Intelligence, S.L., ofrece unha ferramenta que planifica a mellora do proceso diagnóstico de demencia e/ou deterioros cognitivos mediante biomarcadores de neuroimaxe.

O proxecto D40PRO-LLV, de Ad hoc developments S.L., achega un terminal asistencial mixto adaptado no que se combina, nun dispositivo fixo, funcións de vídeo, comunicación, teleasistencia e coordinación profesional, cun módulo de comunicación avanzada compatible con sensores IoT (temperatura, movemento, humidade, caída, pulsador de emerxencia, porta etc.) para a creación dun entorno domótico asistencial.

Pola súa banda, outros dos proxectos seleccionados, SERENIA, presentado por Serenia Solutions S.L., presenta un asistente virtual intelixente para acompañamento emocional, estimulación cognitiva e apoio personalizado a persoas maiores, que emprega tecnoloxías de IA e machine learning para manter conversacións naturais con elas e monitorizar cambios en emocións, linguaxe e patróns de uso.

O proxecto InmeRsiVa, de Insati Innovation, S.L, emprega a realidade virtual inmersiva como ferramenta terapéutica non farmacolóxica para a estimulación cognitiva de pacientes con deterioro cognitivo leve ou moderado.

No Living Lab do Hospital Meixoeiro de Vigo poranse en marcha, para a súa pilotaxe e probas, os proxectos elixidos, de conformidade entre o acordado entre as empresas e a Consellería de Sanidade.

O Living Lab de Vigo forma parte do ecosistema do INNOV4LIFE, proxecto financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Ademais do Servizo Galego de Saúde  e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), son socios deste proxecto a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e AFAGA Alzhéimer, en Galicia; e a Universidade de Porto, a Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave e o Parque de Ciéncia e Tecnología da Universidade de Porto (UPTEC), en Portugal.

Data de actualización: 03/02/2026