A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de residuos non perigosos no parque empresarial da Madanela, no Concello de Melide
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións a un proxecto para a valorización de residuos non perigosos no parque empresarial da Madanela, no concello coruñés de Melide.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa resolución se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de oito organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e dos leitos fluviais; da fauna e da vexetación e outros valores naturais; do solo e das infraestruturas ou a xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Obxecto da iniciativa
O proxecto, promovido por Saint Gobain Weber Cemarksa SA, busca adecuar as instalacións que a empresa ten no polígono industrial da Madanela para realizar operacións de tratamento de residuos non perigosos de cara á súa valorización e posterior incorporación ao proceso de fabricación de morteiros.
Deste xeito o promotor aproveitaría materiais que ata agora desbotaba na súa actividade de produción e comercialización de produtos deseñados para a restauración de fachadas e traballos de albanelería, así como adhesivos utilizados para a instalación de baldosas cerámicas e outros revestimentos. De feito, nesta planta almacénanse as materias primas e realízase a mestura, o ensacado, envasado e posterior almacenamento do produto, previo á súa comercialización.
O proxecto prevé que o proceso de valorización de residuos non perigosos para a incorporación ao proceso de fabricación de materiais de construción conte cunha capacidade de tratamento de 20.000 toneladas anuais.