O presidente visitou hoxe as Gándaras de Budiño, no Porriño, no marco do Día mundial dos humidais
Rueda salienta que a Xunta destinará 4,65 M€ para a restauración e posta en valor de humidais de interese nas catro provincias ata o ano 2028
Destaca que estes espazos “son fundamentais” para a descarbonización ou manter a biodiversidade, un exemplo “da Galicia Calidade que hai que seguir coidando”
As actuacións nas Gándaras de Budiño reciben un investimento de 1,53 M€ co obxectivo principal de recuperar e duplicar a superficie da lagoa de 6.000 m²
Asegura que o concello do Porriño é a demostración de que é posible “compaxinar o desenvolvemento económico e o mantemento da natureza”
Os demais lugares seleccionados son as Areeiras da Limia, as lagoas costeiras da Coruña e os humidais da Terra Cha
O Porriño (Pontevedra), 3 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe os algo máis de 4,65 millóns de euros que investirá o Goberno galego no desenvolvemento de diferentes actuacións para a restauración e posta en valor de humidais de interese localizados nas catro provincias galegas ata o ano 2028. “Son fundamentais: serven para a descarbonización, para regular as inundacións e contribúen a manter a biodiversidade, esa Galicia Calidade que hai que seguir coidando, que fai que tanta xente veña visitarnos e que nos fai sentir tan orgullosos do que temos”, salientou.
Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, realizou unha visita ás Gándaras de Budiño, no Porriño, no marco do Día mundial dos humidais, que se conmemorou onte mesmo. Este ecosistema, que está incluído na Rede Natura 2000 e conta con elementos únicos nos contextos galego e ibérico, dispón dun investimento de 1,53 M€, cofinanciado con fondos NextGenerationUE e Feder.
O obxectivo xeral é duplicar a superficie da lagoa de 6.000 m², que xa está a ser recuperada a través de traballos de restauración iniciados o pasado mes de agosto. Así mesmo, a Administración autonómica tamén está a levar a cabo outras accións neste espazo como a instalación dun sistema de filtrado para as augas; o acondicionamento do observatorio de aves; a mellora do centro de interpretación; a eliminación de especies alóctonas; e a mellora dos accesos.
O presidente salientou que a actuación neste humidal é un exemplo de que “é posible compatibilizar o desenvolvemento industrial co mantemento da natureza” e de que “non hai que renunciar a ningunha das dúas cousas”. “O Porriño é un dos concellos máis industriais de Galicia, pero isto é a demostración de que é posible ter aquí cerca industrias, naves, moita economía e un espazo tan bonito coma este. É posible vivir no territorio, vivir na economía e coidar o territorio”, destacou.
O presidente autonómico destacou a importancia deste tipo de actuacións para conservar e poñer en valor unha parte esencial do patrimonio natural de Galicia. Nesta liña, lembrou que malia que a comunidade galega é un territorio con auga “hai que saber regulala, aproveitala e conservala”.
Actuacións nas demais provincias
Á actuación das Gándaras de Budiño, a única que se executará na provincia de Pontevedra, súmanse outras que se levarán a cabo en diferentes espazos costeiros localizados na provincia da Coruña; en zonas húmidas do complexo da Terra Cha, en Lugo; e nos principais espazos destas características que conforman o complexo húmido da Limia - acometerase o proxecto para a recuperación ambiental das Areeiras da Limia-, na provincia de Ourense.
Estas actuacións daranlle continuidade a diferentes medidas e proxectos executados nos últimos catro anos por un importe de preto de 1,3 millóns de euros e que permitiron abordar actuacións importantes para a restauración de hábitats dunares no Parque Natural de Corrubedo, na ZEC de Valdoviño ou na Lagoa de Cospeito
Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas inventariadas, que suman un total de 45.141 hectáreas e albergan unha notable biodiversidade na que se inclúen taxóns ameazados e hábitats de interese prioritario. Entre os humidais galegos destacan especialmente seis incluídos na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a conservación da biodiversidade. Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.