O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, co xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou a unidade de atención á drogodependencia de Cangas
A Xunta reforza a atención á saúde mental no Morrazo coa integración no Sergas da unidade municipal de drogodepencias de Cangas, que atende máis de 350 persoas cada ano
O Goberno galego dedica este ano máis de 4,8 M€ ás 13 unidades municipais incorporadas á estrutura do Servizo Galego de Saúde
Contan con profesionais da psiquiatría, psicoloxía, medicina, enfermería e traballo social
A Xunta avanza na atención á saúde mental no Morrazo coa incorporación dun novo psicólogo clínico ao centro de saúde de Moaña
A rede de psicoloxía clínica en atención primaria sumará este mes 21 novos profesionais en toda Galicia, que se unen aos 7 que xa prestan servizo na actualidade
Galicia sitúase á vangarda da prevención coa próxima entrada en vigor da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas
Cangas (Pontevedra), 3 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou o reforzo da Xunta á atención á saúde mental na comarca do Morrazo coa integración no Servizo Galego de Saúde da unidade municipal de drogodependencias de Cangas, que cada ano atende máis de 350 persoas dos concellos de Cangas, Moaña e Bueu.
Así o sinalou o conselleiro na súa visita á unidade, na que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, e a directora do Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades, Marta Piñeiro.
Gómez Caamaño recoñeceu o labor dun equipo interdisciplinar formado, en Cangas, por persoal psiquiatra, de psicoloxía clínica, enfermería, auxiliar de enfermería, traballo social e administrativo, xunto coa función preventiva na que colabora a Dirección Xeral de Saúde Pública.
En particular, esta unidade rexistra unha actividade crecente, xa que en 2024 atendeu preto de 280 persoas e en 2025 foron máis de 350, sumando 58 novas altas. A maioría das persoas son tratadas por adicción á cocaína, á heroína e ao alcohol.
Aposta pola saúde mental
O conselleiro de Sanidade celebrou ter conseguido a meta de integrar 13 unidades municipais de atención á drogodependencia no Servizo Galego de Saúde, cun cadro de persoal de 95 prazas que atenden máis de 7.100 pacientes ao ano.
Desta forma, a Xunta dedica este 2026 máis de 4,8 millóns de euros a estes dispositivos, que ata o de agora estaban financiados polo Goberno galego a través dun convenio coa Federación galega de municipios e provincias.
Ademais, este mesmo mes de febreiro incorporarase un novo psicólogo clínico ao centro de saúde de Moaña. O Servizo Galego de Saúde porá en marcha neste mes de febreiro a Rede de psicólogos clínicos en atención primaria coa contratación de 21 novos profesionais en toda Galicia, que se suman aos 7 xa existentes nos centros de saúde.
Gómez Caamaño indicou que o seu departamento tamén está a ultimar o novo Plan de Saúde Mental, no cal a atención á drogodependencia e ás adiccións será un asunto prioritario.
Paralelamente, Galicia sitúase á vangarda da prevención coas medidas recollidas na Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que entrará en vigor o vindeiro 7 de marzo.