A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de 5 quilómetros nos regos de Santiago e do Forcón, no Concello de Barreiros

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante máis de cinco semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 5 quilómetros nos regos de Santiago e do Forcón, no concello lucense de Barreiros.

As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvolveranse nun tramo de algo máis dun quilómetro do rego de Santiago, na parroquia de San Miguel de Reinantes, e nun tramo de preto de 3,8 quilómetros, no rego do Forcón, na mesma parroquia.

Os traballos, que se prolongarán durante máis de cinco semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén roza rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026