A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse cos alcaldes dos concellos polos que pasa este río

A Xunta aportará o 60% do investimento asignado aos concellos no plan de actuación integrado Futuro verde do alto Támega, máis de 1,7 M€

As intervencións programadas nesta iniciativa céntranse principalmente en cuestións relacionadas co ciclo da auga, para a mellora das infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento da contorna

Ángeles Vázquez salienta a importancia de que Augas de Galicia conte canto antes cos proxectos das diferentes actuacións para poder programalas e estudar a fórmula xurídica máis axeitada para facer chegar os fondos a cada municipio

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

A Xunta vai aportar o 60% dos investimentos correspondentes aos concellos no plan de actuación integrado (PAI) Futuro verde do alto Támega, algo máis de 1,7 millóns de euros dos 2,9 millóns de euros financiados polas entidades locais. O PAI, que conta cun orzamento total de máis de 7,2 millóns de euros contando a aportación estatal, céntrase principalmente en actuacións relacionadas co ciclo integral da auga, como son melloras tanto nas redes de saneamento como de abastecemento existentes na zona.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes de oito concellos polos que pasa o río Támega (Monterrei, Oímbra, Cualedro, Laza, Riós, Vilardevós, A Gudiña e a Mezquita) para avanzar na definición da colaboración para planificar unhas actuacións que tamén benefician aos concellos de Verín e Castrelo do Val, que non puideron participar na reunión.

O PAI Futuro verde do alto Támega foi seleccionado para acceder aos fondos que outorga o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) aos PAI do Plan de Estratexias de Desenvolvemento Integrado Local e as obras previstas teñen que estar rematadas, xustificadas e entregadas antes do 31 de decembro de 2029.

Por iso, a responsable autonómica salientou a importancia de poñerse a traballar canto antes e que o organismo de conca autonómico reciba os proxectos das actuacións a desenvolver para verificar que cumpren coas condicións técnicas e legais exixidas así como que dispoñen dos permisos pertinentes para establecer o calendario de cofinanciamento para a súa execución.

Colaboración

Neste sentido, Augas de Galicia estudará a fórmula xurídica máis axeitada -na reunión valorouse a posibilidade de establecer convenios individuais con cada un dos concellos- para facer chegar o financiamento comprometido a cada entidade local.

Deste xeito, o Executivo galego e os Gobernos locais colaborarán no desenvolvemento de distintas intervencións co fin de mellorar tanto as infraestruturas de saneamento e depuración de augas residuais como as de abastecemento de auga potable á cidadanía.

Este apoio constante da Xunta ás administracións locais reflíctese tamén nas contas do presente exercicio, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros, un 5,5% máis ca en 2025. Deles, 7 de cada 10 euros destinaranse a abastecemento e saneamento -108,7 millóns de euros- e case a metade -73,6 millóns de euros-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026