A Xunta comparte co Foro cidadán polo ferrocarril a demanda de melloras ferroviarias en Ferrolterra

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse con representantes do colectivo para escoitar as súas reivindicacións e presentarlle o estudo impulsado polo Goberno galego con propostas de mellora da mobilidade e do transporte ferroviario

Insístese na necesidade de incrementar as frecuencias e recuperar a conexión directa con Madrid

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse hoxe co Foro cidadán polo ferrocarril para abordar as necesidades de Ferrol e a súa comarca materia ferroviaria.

No encontro, ademais de escoitar as inquedanzas do colectivo, que coinciden coa Xunta na necesidade de incrementar as frecuencias e recuperar a conexión directa con Madrid,  presentóuselle o estudo Propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra, impulsado polo Goberno galego ante a falta de concreción do Estado en relación coas actuacións previstas nesta área.

Trátase dunha iniciativa coa que se quere reaccionar á falta de xestión e planificación por parte do Goberno central, que se suma a numerosas promesas incumpridas e a uns servizos e información deficientes. Para a Xunta, como resultado, a comarca de Ferrol sofre un total abandono en materia ferroviaria que contribúe a un uso decrecente por parte da poboación e a unha baixa competitividade para as empresas. 

Entre as principais carencias figuran a falta dunha estación intermodal, xa que Ferrol é a única cidade que non a ten nin en funcionamento nin en obras. De feito, a Xunta leva anos agardando a formalización do convenio co Estado para esta obra a prol da accesibilidade e da funcionalidade. Ademais, Ferrol tampouco conta con conexión por alta velocidade.

A maiores, a conexión con Ribadeo necesita unha  modernización e en que a conexión coa Coruña  require tamén renovación da infraestrutura e electrificación para reducir os tempos e permitir o acceso de convois máis modernos.

Aposta polas melloras ferroviarias

Nesta liña, o estudo impulsado pola Xunta aposta, ademais de polas melloras ferroviarias, polo desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte. Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o conselleiro xa se reuniu o pasado ano con representantes de todos os grupos municipais da cidade, aos que se lles presentou o estudo e se acordou unir forzas na demanda de modernización, da intermodal e da inclusión na rede básica do Corredor Atlántico. Tras esta xuntanza, a Xunta pediulle unha reunión ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible para abordar as necesidades urxentes de actuación e presentar o estudo, sen ter resposta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026