A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz estudan o proxecto para mellorar a rede de abastecemento de auga nos núcleos rurais de Ermide e Eiravedra
Ángeles Vázquez lembra que Augas de Galicia convocará este ano varias liñas de axudas para apoiar ás entidades locais na xestión dos servizos relacionados coa xestión da auga
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, abordaron hoxe o proxecto municipal para mellorar a rede de abastecemento de auga nos núcleos rurais de Ermide e Eiravedra.
Durante unha reunión que mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela, o rexedor informou á conselleira da iniciativa que quere desenvolver o Concello para mellorar o servizo neses lugares das parroquias de San Lourenzo de Siabal e San Salvador de Mourisco, que na actualidade dispoñen dunha rede moi antiga de propiedade veciñal.
Segundo lle trasladou Ángeles Vázquez ao rexedor, Augas de Galicia ten previsto convocar proximamente varias liñas de axudas entre as que se inclúen apoios para apoiar as entidades locais na execución de obras de abastecemento. Con todo, para optar a este financiamento o Concello deberá ter realizado previamente unha auditoría municipal de perdas de auga e, a partir de aí, o correspondente plan de actuacións para a súa minimización.
Ademais, ao tratarse dunha traída veciñal, podería valorarse a posibilidade de optar as axudas destinadas á mellora destas redes como complemento ás que poida solicitar o Concello de Paderne de Allariz.
En todo caso, a conselleira indicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará o proxecto para, a continuación, analizar outras posibles vías de colaboración para levalo a cabo e, deste xeito, mellorar o servizo en ambos núcleos de poboación.
Esta cooperación enmárcase no apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
De feito, Augas de Galicia ten programadas para este ano oito ordes de axudas cun orzamento global asignado de 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% con respecto ao paquete de subvencións do ano pasado. Están dirixidas maioritariamente ás entidades locais, pero tamén a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e entidades sen ánimo de lucro para apoialas na promoción de obras ou actuacións relacionadas coa xestión destes servizos.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.