A Xunta pon en valor a modernización na organización e funcionamento das entidades locais que supón a actualización da Lei de Administración Local de Galicia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presentou o anteproxecto da futura norma aos representantes dos Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local da Coruña-Pontevedra, Ourense e Lugo

Explicou que a nova lei, tras 30 anos de vixencia, adaptarase á realidade actual aproveitando as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías ou a intelixencia artificial co obxectivo de facilitar a actividade das entidades locais

Tamén introduce fórmulas innovadoras de colaboración como as agrupacións municipais para compartir persoal municipal

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presentou hoxe o anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia, que se atopa a exposición pública, aos representantes dos Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital), da Coruña-Pontevedra, José Antonio Rueda; Ourense, Jorge Moreno; e Lugo, José Antonio Mourelle, xunto con outros representantes destas entidades. No encontro trasladoulles que a norma moderniza por completo o réxime de organización e funcionamento das entidades locais tras 30 anos de vixencia da norma actual.

Nesta liña, puxo como exemplo a incorporación de fórmulas innovadoras de colaboración e cooperación entre concellos como as agrupacións de municipios para compartir calquera praza de funcionario ou persoal laboral fixo, tanto de administración xeral como especial, ata agora limitada só a funcionarios de habilitación nacional, isto é, de secretaría, intervención ou tesourería. Con esta figura permitirase, como aclarou a directora xeral, que os concellos con menos recursos poidan compartir, ademais dos funcionarios de habilitación nacional, persoal técnico especializado, persoal de servizos sociais ou arquitectos e arquitectos técnicos, entre outros profesionais.

Como mecanismos de colaboración entre concellos tamén se destacou o reforzo das mancomunidades de municipios e as áreas funcionais de carácter temporal.

Natalia Prieto explicou que o texto introduce tamén as principais tendencias e vangardas normativas, con novas figuras adaptadas á realizade actual, á intelixencia artificial e ás novas tecnoloxías. Así, destacou, por exemplo, a regulación do persoal directivo público profesional local, que permite que os municipios de máis de 30.000 habitantes e as deputacións provinciais poidan contar con este persoal para o exercicio de funcións de especial responsabilidade e xestión, posibilidade que non na normativa autonómica actual.

Por outra parte, o anteproxecto recolle varias medidas co obxectivo de impulsar a modernización e simplificación dos procedementos administrativos, en gran parte, a través da aposta polos sistemas electrónicos. É o caso da regulación das sesións a distancia -ben sexan completamente telemáticas ou mixtas- ou as sesións plenarias por streaming.

A nova lei tamén incorpora e adapta as especialidades da administración local a regulación sobre transparencia e goberno aberto así como a relativa a utilización da intelixencia artificial.

Cómpre engadir que a nova Lei de Administración Local de Galicia é unha reforma integral da normativa actual que converterá á comunidade en referente estatal tras os importantes cambios normativos, tecnolóxicos e sociais das últimas décadas. Ademais das novidades relacionadas coa modernización na organización e funcionamento das entidades locais ou no que ten que ver coa cooperación entre concellos, tamén se establece un tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico, atendendo a realidade galega, e reforzase o papel das deputacións provinciais como garantes da autonomía local.

Por outra parte, avanzase na clarificación de competencias e establecese un novo sistema de participación nos tributos autonómicos que , coa incorporación de criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación ante a inacción do Goberno central na materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026