Rodeiro adquire unha nova varredora para labores de protección do medio ambiente e do espazo natural grazas a unha axuda da Xunta de 50.000 euros
A nova máquina permitirá mellorar a calidade do aire e diminuír o risco de inundacións e desbordamentos
O delegado territorial destacou a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para facer un uso eficaz e eficiente dos recursos públicos
Rodeiro (Pontevedra), 4 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Rodeiro, que adquiriu un novo vehículo para accións de coidado do medio ambiente e do espazo natural.
A actuación, que foi posible grazas a unha achega de máis de 50.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, permitirá optimizar o traballo dos operarios do concello, ademais de conseguir uns resultados de maior calidade e durabilidade. Os traballos deste novo vehículo contribuirán á mellora da calidade do aire, ao reducir a cantidade de po que levantaba a maquinaria máis antiga, ademais de contribuír á prevención de inundacións e desbordamentos.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente. Neste sentido, Reguera asegurou que “dende a Xunta seguiremos apoiando aos concellos para que conten cos recursos necesarios para garantir unha boa calidade de vida aos seus veciños e veciñas”.
Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 20 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 750.000 euros. Na comarca do Deza-Tabeirós, recibiron esta axuda os concellos de Agolada, A Estrada, Lalín, Forcarei, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.