A Xunta reforza o diálogo co sector da pesca recreativa a través dun encontro con Agpesur
A reunión permitiu coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas deste segmento da actividade marítimo-pesqueira
Galicia conta con máis de 3.000 licenzas de pesca recreativa submarina, unha actividade cun peso crecente no litoral
Santiago de Compostela, 4 de febreiro do 2026
A Consellería do Mar mantivo un encontro con representantes da Asociación Galega de Pesca Deportiva Responsable (Agpesur) co obxectivo de reforzar o diálogo co sector e coñecer de primeira man as súas necesidades e propostas para o desenvolvemento desta actividade en Galicia.
Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa realidade e evolución da pesca recreativa submarina, un segmento que conta cunha presenza relevante no conxunto do litoral galego e que supera as 3.000 licenzas activas na comunidade. Neste sentido, a Consellería do Mar puxo en valor a importancia de manter canles permanentes de comunicación co sector para avanzar nun modelo de actividade sustentable, compatible coa conservación dos recursos mariños e co aproveitamento responsable do medio.
O encontro permitiu tamén analizar as principais demandas trasladadas polos representantes da asociación, así como compartir impresións sobre a situación actual da actividade e as súas perspectivas de futuro. A Xunta reiterou o seu compromiso de continuar traballando da man dos colectivos representativos da pesca recreativa para favorecer o desenvolvemento ordenado desta práctica e garantir a súa convivencia co resto dos usos do medio mariño.