A Xunta e a Asociación de Tecores galegos avalían vías para reforzar a súa colaboración na posta en valor dos beneficios da actividade cinexética
Ángeles Vázquez destaca o labor que realiza a entidade entre os afeccionados así como o esforzo por dar a coñecer á cidadanía os valores ambientais asociados á caza e a súa contribución á conservación do patrimonio natural
As partes analizaron tamén as medidas adoptadas para o control das poboacións de xabaril, como a emerxencia cinexética, que remata o vindeiro 22 de febreiro
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Asociación de Tecores Galegos (Ategal), Fernando Rois, e outros representantes da entidade para avaliar posibles vías de reforzo da súa colaboración e de apoio na posta en valor dos beneficios da actividade cinexética na comunidade.
En concreto, analizaron o labor divulgativo e as actuacións que desenvolve a entidade dirixidas aos afeccionados así como o seu esforzo por dar a coñecer entre a cidadanía os valores ambientais asociados á actividade cinexética e a súa contribución á conservación e protección do patrimonio natural de Galicia.
A maiores, na xuntanza tamén avaliaron a xestión do xabaril. Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, agradeceu o esforzo de Ategal por colaborar coas medidas postas en marcha polo Goberno galego, como a declaración da emerxencia cinexética, que entrou en vigor o pasado mes de outubro e que se manterá ata o vindeiro 22 de febreiro.
Ángeles Vázquez lembrou que é a quinta vez que se recorre a este instrumento, que é excepcional e provisional, complementario á caza regrada e ás actuacións puntuais de control por danos e que busca axilizar a aplicación de medidas de control das poboacións nas zonas con maior incidencia.
Nesta ocasión, a declaración abrangue 38 comarcas (9 na Coruña, 10 en Lugo, 11 en Ourense e 8 en Pontevedra) que comprenden 254 concellos (64 deles coruñeses, 57 lucenses, 86 ourensáns e 47 pontevedreses) e un 83% da superficie total de Galicia. As zonas incluídas foron seleccionadas trala análise de variables obxectivas como os avisos por danos do xabaril, accidentes de tráfico, superficie afectada e censo gandeiro porcino.
Nesa liña, cómpre indicar que na tempada cinexética 2024-2025 o número de capturas de xabarís en toda Galicia foi de 18.884, na liña de anos anteriores, e que no período 202-2026 a Xunta destinou un orzamento de máis de 18 millóns de euros a axudas para compensar os danos causados polo xabaril (máis de 15,5 millóns e de euros) e para medidas de prevención, con máis de 2,8 millóns de euros.