A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación do parque empresarial do Campiño, no concello de Pontevedra
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos na zona de intervención, pero inclúe condicionantes en aspectos como a protección do patrimonio cultural existente na contorna, a integración paisaxística, a mobilidade e a xestión da auga ou dos ruídos
O ámbito de actuación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial, promovido pola empresa pública Xestur, abrangue un espazo de máis de 16 hectáreas de extensión na parroquia de San Miguel de Marcón
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) para ampliar o parque empresarial do Campiño, no Concello de Pontevedra.
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a protección do patrimonio cultural existente na contorna, a integración paisaxística, a mobilidade, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e unha adecuada zonificación acústica da superficie de actuación.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de Peose como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor -a empresa pública Xestur- e ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial- xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Cómpre lembrar que o obxectivo do Peose é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para executar a ampliación do parque empresarial do Campiño, un desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg).
O ámbito de actuación do Peose é un espazo de algo máis de 16 hectáreas de extensión na parroquia de San Miguel de Marcón, na zona leste do concello de Pontevedra que limita co de Ponte Caldelas. Está entre o parque empresarial do Campiño, a estrada PO-532 e o tramo da autovía A-57 recentemente executado.
Os terreos afectados están clasificados no Plan xeral de ordenación urbana maiormente como solo non urbanizable común e de protección forestal, aínda que lle resulta de aplicación o establecido para o solo rústico.
Disposición
A ordenación do ámbito configúrase arredor do viario coincidente coa rúa Monte Louredo, que se prevé acondicionar. Ao norte desta vía A disponse dunha mazá para usos industriais e comerciais rodeada por unha zona verde que exerce de amortecemento e integración de xacementos identificados na contorna. O plan recolle ao sueste outra vía B e, fronte a ela, unha parcela destinada a equipamentos, unha zona verde circundante na que se localiza outro xacemento e unha área de aparcadoiro.
En canto aos servizos principais, para o abastecemento prevese a execución dunha nova condución desde o depósito situado do parque empresarial do Campiño cara á rúa Monte Louredo e, en relación co saneamento, as augas residuais conduciranse á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres e, de non ser posible, buscarase outra alternativa para a súa xestión.
O plan tamén establece a conexión ás redes de enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións existentes na contorna e recolle que os viarios estruturantes contarán con carril bici, incluíndo na rúa A unha franxa de vexetación dun metro de separación e zonas de estacionamento.